Cristina Blanco, Verónica Bolón e Beatriz Pelaz, Premios Nacionais de Investigación
O galardón máis importante de España no ámbito da investigación premia ás científicas da UDC, CITIC e CiQUS
A ministra de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU), Diana Morant, anunciou hoxe ás persoas galardoadas cos Premios Nacionais de Investigación 2024, que contan con 20 modalidades dotadas con 30.000 euros cada unha e son “o recoñecemento máis importante de España no ámbito da investigación científica”.
Morant destacou o talento dos premiadas e premiados e subliñou que esta é a edición con maior número de mulleres premiadas, “xa que nos anos anteriores presentáronse menos candidaturas de investigadoras”. De feito, neste 2024 tres investigadoras galegas ou que traballan nas distintas institucións científicas de Galicia recibiron o galardón pola calidade do seu traballo: trátase das investigadoras Cristina Blanco, da Universidade de Coruña, Verónica Bolón, do Centro de Investigación en CIT (CITIC, tamén pertencente á UDC) e Beatriz Pelaz, do Centro Singular en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS, da Universidade de Santiago).
O selo galego na investigación senior e de calidade
Intelixencia artificial e nanomateriais: o futuro da investigación
Blanco foi galardoada co Premio Nacional de Investigación que distingue aos expertos de España que “destacan pola súa traxectoria e relevancia internacional nas súas respectivas áreas de investigación“. Doutra banca, tanto Pelaz como Bolón foron recoñecidas dentro da categoría dos premios que poñen en relevancia o mérito dos investigadores novos, cunha idade máxima de 40 anos, que acadaron fitos relevantes nas primeiras etapas das súas carreiras. O currículo das tres investigadoras é extenso:
Cristina Blanco é investigadora Distinguida Sénior na Universidade da Coruña. O Premio recoñece a súa “excelente carreira científica” dentro do ámbito da Historia Contemporánea. Ademais, o xurado destacou a súa traxectoria internacional e os seus recoñecidos estudos sobre o proceso de integración europeo. Recibe o galardón dentro da modalidade María Moliner.
Verónica Bolón é profesora Titular da Universidade da Coruña dentro do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información, ademais de exercer como investigadora do CITIC. Bolón foi premiada polo seu “excelente traballo en múltiples áreas da aprendizaxe automática“, destacando a súa investigación para a promoción da sostibilidade da IA, “cunha clara aplicación social”: dende o emprego de algoritmos para o diagnóstico de enfermidades como o seu uso como axuda na detección de verteduras nos océanos. Recibe o galardón dentro da modalidade María Andresa Casamayor.
Beatriz Pelaz é investigadora principal do Centro Singular en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela, onde codirixe o grupo BioNanoTools. Foi premiada pola excelencia e calidade do seu traballo, cun marcado recoñecemento internacional no ámbito dos nanomateriais avanzados con aplicacións terapéuticas. Na súa investigación destacan o control das propiedades fisicoquímicas dos materiais para determinar o seu comportamento biolóxico e o desenvolvemento dunha nova tecnoloxía para a modificación da superficie de nanopartículas mediante o emprego de origamis de ADN. Recibe o galardón dentro da modalidade Felisa Martín Bravo.
Comentarios
Publicar un comentario