POEMA DE ROSALÍA DE CASTRO O XAN
Xan vai coller leña ó monte, Xan vai a compoñer cestos, Xan vai a poda-las viñas, Xan vai a apaña-lo esterco, e leva o fol ó muíño, e trai o estrume ó cortello, e vai á fonte por augua, e vai a misa cos nenos, e fai o leito i o caldo... Xan, en fin, é un Xan compreto, desos que a cada muller lle conviña un polo menos. Pero cando un busca un Xan , casi sempre atopa un Pedro . Pepa, a fertunada Pepa, muller do Xan que sabemos, mentras seu home traballa, ela lava os pés no rego, cátalle as pulgas ó gato, peitea os longos cabelos, bótalles millo ás galiñas, marmura co irmán do crego, mira si hai ovos no niño, bota un ollo ós mazanceiros, e lambe a nata do leite, e si pode bota un neto ca comadre, que agachado traillo en baixo do mantelo. E cando Xan pola noite chega cansado e famento, ela xa o espera antre as mantas, e ó velo entrar dille quedo: —Por Dios non barulles moito... que me estou mesmo morrendo.