Premio Nacional das Letras Españolas 2024: Manuel Rivas
Manuel Rivas
O escritor Manuel Rivas (A Coruña, 1957) gaña o Premio Nacional das Letras Españolas correspondente ao ano 2024 pola súa «extraordinaria calidade narrativa que aúna forza emocional e beleza formal».
Tal e como informa Europa Press, o xurado destacou ao autor por «unha traxectoria versátil e coherente construída coa sensibilidade e a defensa da memoria histórica, a responsabilidade social e a lingua galega. Poucos autores do panorama literario español, partindo dun compromiso firme coa súa lingua, conseguiron alcanzar tal recoñecemento a nivel mundial».
Este mesmo xurado sinalou que a súa obra «acompaña o seu activismo, cunha pluma que, sen adoutrinamento, axita conciencias, induce á reflexión e estimula o pensamento cara á defensa da pluralidade lingüística e cultural e cara á igualdade de xénero. Manuel Rivas, cunha voz poderosa e singular, crea literatura e, con ela, volve situar a escritura galega no olimpo das Letras Nacionais».
O premio, que recoñeceu no 2023 a Cristina Fernández Cubas, distingue o conxunto do labor literario, en calquera das linguas españolas, dun autor español ou autora española, cuxa obra estea considerada como parte integrante do conxunto da literatura española actual. Rivas únese a unha ampla lista de galardoados, entre a que se atopa Luis Landero, Rosa Montero, José María Merino Sánchez, Luis Mateo Díez, Francisca Aguirre e Bernardo Atxaga, entre outros.
Rivas é narrador, poeta e ensaísta, ocasionalmente dramaturgo, ademais de membro da Real Academia Galega. Destaca o seu labor nos medios de comunicación galegos e no resto de España que abarca tanto a dirección de cabeceiras como a revista Luzes, como a faceta de columnista en xornais como El País ou La Voz de Galicia.
Deixamos unhas ligazón sobre a súa obra que poden ser de interese e tamén maís información de Premio.
O Equipo de Biblioteca
Comentarios
Publicar un comentario