MEMORIA: XEOGRAFÍAS SONORAS 20-21
Todos os cursos desde 2006 a Consellería de Cultura, Educación e Universidade (Asesoría de Bibliotecas Escolares) publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia. O lema elixido para o curso 2020/21 foi “XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR” [1] e a encargada nesta ocasión de interpretar e materializar esa idea foi Bea Lama [2].
Foto 1.
“Xeografías lectoras” por Bea Lama.
Este curso en especial, se nos convida a
explorar todas as posibilidades que nos ofrece a lectura para construír á
persoa lectora. No noso caso extrapolámolo á escoita de música porque ao igual
que a lectura, tamén é unha sorte de viaxe; como din Consuelo Gundín e María
José Pousa “(...) obedecen á
mesma pulsión: o desexo ou a necesidade de abrir unha paréntese na vida cotiá,
romper coa rutina, coñecer outros lugares, vivir novas experiencias, ser outros.”
[3]
Así pois, o equipo de biblioteca propuxo desde o blog escoitas semanais desde diferentes perspectivas cun mapa do mundo como punto de partida das viaxes.
Foto 2. Mapa de Xeografías Sonoras. Para seguir a viaxe, clica aquí
-
Escoitamos músicas que nos fixeron viaxar lonxe no espazo
como por exemplo ao Xapón ou á India; lonxe no tempo como cando fomos á orixe
cas frautas prehistóricas ou incluso tan lonxe como á cálida Persia das Mil
e unha noites.
-
Atisbamos manifestacións doutras culturas nas que a
música ten o seu propio espazo e funcionalidade como nos wagogo ou nos aborixes
australianos. Quizais preguntámonos por elas e incluso cuestionámonos cousas
como a súa situación social actual.
-
Lembramos a nosa propia cultura que forma parte de nós e
lévanos ao fogar.
-
Puidemos descansar
ou parar se estabamos cansos, acelerar se tiñamos ganas ou mesmo cambiar de
ruta.
-
Puidemos descubrir cousas novas (instrumentos,
sonoridades, técnicas musicais...) que nos gustaron... ou quizás non.
-
Quizais picounos a curiosidade e ampliamos algunhas das
rutas.
-
Quizais puidemos en parte entender por que o mundo é como
é e que está en constante transformación.
-
Escoitamos música porque simplemente gústanos saborear os
sons.
Na Asesoría de
Bibliotecas fan un símil fermoso entre o regreso dunha viaxe con pechar un
libro ou rematar unha escoita: “supón a volta á vida de cadaquén, pero cunha maior bagaxe:
coñecementos, palabras, imaxes, sons, inquedanzas, emocións... son os souvenirs lixeiros que se foron engadindo á
equipaxe de saída.” [3]
Lembra que podemos organizar ese o noso espazo
sonoro ao que viaxamos ao longo de toda a nosa vida, a nosa propia banda sonora
que forma parte de nós e á vez fainos ser nós. Son as “constelacións” das que
fala María Victoria Moreno arredor dos seus libros [4]: podemos
escoitar as nosas músicas e situalas no noso ceo particular, algunhas estarán
illadas quizais e outras formarán constelacións -grandes ou pequenas- porque
estarán relacionadas por algo (unha época ou lugar de escoita? Un mesmo autor? Curiosidades? Temática? Escoitámolas
sós ou con alguén? Compartímolas? Alguén ensinounas? Fannos sentir algo?...).
Imos rematar co escritor xaponés Murakami, cun
anaco da súa obra “Kafka na orilla” que nos lembra eses souvenirs
lixeiros mais poderosos que nos traemos da viaxe:
“- Non é que saiba moito [de música],
pero gústame e cando estou só, adoito escoitar música a miúdo.
- Entón, gustaríame preguntarche
unha cousa. Pensas que a música ten o poder de cambiar a xente? É dicir, que se,
nun determinado momento, escoitar unha música determinada, esta pode facer que
se produzan grandes cambios dentro de ti.
- Oshima asentiu. - Por suposto,
dixo. Isto sucede. Experimentamos algo e, como resultado, algo ocorre. É unha
especie de reacción química. Logo examinámonos a nós mesmos e descubrimos que a
gradación de todo o que nos rodea ascendeu un punto. E que, ao noso redor, o
mundo expándese. Eu experimenteino. Non ocorre a miúdo, mais ás veces ocorre. É
como o amor".
Equipo
de biblioteca 2020-21
[1] Xeografías lectoras na biblioteca escolar. | Bibliotecas escolares (xunta.gal)
[2] Así o fixo... Bea
Lema | Bibliotecas escolares (xunta.es)
[3] Xeografías
lectoras na biblioteca escolar | Eduga (xunta.gal)
Comentarios
Publicar un comentario