As mulleres rurais, do estereotipo á realidade: “Vémolas dende un paternalismo feroz”
A investigadora da USC Ana Cabana publica un libro onde analiza a política agraria do último século dende a perspectiva de xenéro
Unha muller vella que apenas sabe ler nin escribir. Un rostro engurrado e unhas mans deformadas pola artrite, que aínda lembran como muxir as vacas, sementar os tomates e debullar os chícharos. Unha muller con mandil que pouco entende do mundo, que non saíu nunca da casa, que descoñece o que hai máis alá da súa eira. Isto é a clara construción dun estereotipo que nega a gran diversidade de mulleres que hai e sempre houbo no rural. “Moitas emigraron a Arxentina ou a Alemaña, pagaron as carreiras das fillas, entenden os xornais e sábeno todo sobre xestión agrícola”, di a investigadora Ana Cabana Iglesia, que acaba de publicar un libro no que analiza a política agraria do último século dende a perspectiva de xénero. Unha obra que busca combater o estereotipo para recuperar a realidade, na que aínda vemos ás mulleres rurais “dende un paternalismo feroz”.
“No libro analizamos as políticas que se desenvolveron no rural dende 1900 ata 2011 e que referencias había sobre as mulleres. Que ideais transmitían as leis, tanto en positivo como en negativo, e como vai evolucionando o modelo de muller rural”, explica Cabana, que asina o libro Mujeres y agricultura en la política española del siglo XX xunto ás tamén investigadoras Teresa María Ortega López, Laura Cabezas Vega e Silvia Canalejo Alonso da Universidade de Granada. Nesta análise a catro voces, as historiadoras analizan as políticas do Ministerio de Agricultura ao longo de máis dun século. Políticas que, aparentemente, non facían alusión ao xénero pero que, entre liñas, si definían o modelo de muller rural. “Dicíanlles como debían ser e que se buscaba delas”, di Cabana.
Evidentemente, o que se lle pedía á muller do rural en 1900 distaba anos luz do modelo franquista. Por iso mesmo Cabana e as súas colegas analizan as distintas vías que utilizou o poder para deseñar o prototipo de muller rural que respondía ás súas necesidades. “O Estado ten a autoridade ata a entrada de España na Unión Europea. Moitas das súas políticas son enunciadas en pretendido neutro pero despois afectaron de forma tremendamente desigual a homes e mulleres“, defende Cabana. Como exemplo, un dos capítulos do libro escritos por Laura Cabezas analiza a política de colonización franquista. As autoras aseguran que pode parecer unha reforma agraria para a construción dun novo campesiñado á imaxe e semellanza do franquismo, porén “é unha política que nega ás mulleres a condición de colonas”. É dicir, que elas tan só son un suxeito transversal e necesario para formar unha familia pero non poden ser propietarias, nin sequera no caso de enviuvar.
O inevitable impacto da prensa
Máis alá da influencia das políticas agrarias, que modelan o tipo de muller que debía vivir no rural, a prensa tamén tivo un papel esencial na súa definición. Cabana fai referencia ao xornal El Cultivador Moderno, publicado durante o primeiro terzo do século XX. “Hai números nos que aparecen fotos de formacións. Nos obradoiros de conservas todas as participantes son mulleres, pero nos cursos de fitotecnia son todos homes, incluído o profesor”, sostén a investigadora da USC. Un caso moi semellante ocorreu coa chegada do tractor, que supuxo unha revolución no mundo agrario. Nas publicidades de venda deste vehículo, sostén Cabana, nunca aparecen mulleres: “Hai toda unha construción da feminidade dende a prensa, dende os discursos e dende as leis que vai ser moi importante en todo o século XX”.
O urbano fronte ao rural
Malia á diversidade de políticas e dos seus impactos nas mulleres das diferentes décadas do último século, hai un denominador común en todas as medidas que tomou o Ministerio de Agricultura: conseguir que as mulleres queden no rural, que non marchen. Con todo, a migración cara aos espazos urbanos foi un fenómeno imparable ao longo de todo o século. Cabana relaciona este acontecemento co cansanzo das mulleres rurais “dun traballo continuo pero non valorizado”. “Estaban connotadas dentro das explotacións familiares. Considerábase que elas axudaban, non traballaban. Non estaban remuneradas nin eran socialmente tidas en conta”, denuncia a historiadora. Por iso naceu esa necesidade de buscar outras alternativas laborais e migrar cara ás cidades.
Porén, houbo moitas mulleres que quedaron no campo e continuaron a desenvolver a vida rural das súas devanceiras. Unha vida que non é común nin homoxénea, senón todo o contrario: “Hai unha enorme diversidade de mulleres no rural”. As características de cada unha non veñen definidas polas fronteiras, senón polas circunstancias particulares do hábitat no que viven. De feito, a historiadora da USC considera que unha muller rural do sur de Lugo ten máis en común con outra de Castela e León que cunha galega da costa, onde o labor agrario se ten que combinar habitualmente coa venda de peixe. “O que fai particular a calquera muller rural é o espazo agrícola no que habita”, insiste.
A cotitularidade chega demasiado tarde
No que respecta ás políticas agrarias, un dos grandes pasos foi a Lei 35/2011 sobre titularidade compartida das explotacións agrarias. Esta norma crea unha nova figura xurídica dentro da explotación agraria, de maneira que as parellas que traballan xuntas tamén poden compartir a xestión da súa propiedade. A propia lei enfatiza que o seu principal obxectivo é equiparar os homes e as mulleres rurais en dereitos. “Con esta medida ábrese un proceso moi solicitado polas mulleres: que se visibilicen como propietarias e non como man de obra; é, claramente, unha política de xénero”, apunta Cabana. Considera que ás mulleres rurais sempre se lle puxeron “moitas trabas” para conseguir as titularidades das explotacións. Finalmente, unha lei permitiu axilizar a tramitación e darse de alta como propietarias. Xa levaban traballando alí toda a vida, pero sen que a explotación fose legal nin oficialmente súa.
Cabana tamén denuncia que a situación das mulleres do rural, máis alá do impacto das políticas agrarias que se analizan no seu libro, estivo “invisibilizada dende a historia”. “Non se fixo delas un suxeito prioritario. Centrouse nas cidades, nas que rompen o teito de cirstal na industria, nas primeiras que estudaron… Pero as mulleres rurais non tiveron o atractivo do cambio”, apunta a historiadora. Todo isto hai que entendelo ao abeiro dunha historia agraria que sempre se estudou dende o “masculino xenérico”. O gran osbtáculo, di Cabana, é que a preocupación polo papel da muller non comeza a desenvolverse ata os anos 70, cando a historia empeza a valorar os suxeitos femininos e a importancia das mulleres dentro do campesiñado.
A España rural está baleira?
Máis alá das inclemencias históricas ás que tiveron que facer fronte as mulleres, o rural enfronta a día de hoxe un reto de difícil solución: a caída demográfica. Con todo, Cabana non está de acordo co popular termo da “España baleirada”: “Estou absolutamente en contra porque esa é a idea que permite a inacción política. A idea de que xa non queda nada”. A investigadora da USC opta pola idea dun rural desatendido, pero non deshabitado. E un rural que afecta directamente á vida das mulleres que viven nel. Mulleres que non só están engurradas, nin que só son pobres descoñecedoras do mundo máis alá da súa casa. Máis ben mulleres apoderadas, con capacidade de decisión, que son propietarias, afoutas e que rexeitan frontalmente un modelo homoxéneo de muller, como o que se pretendeu inculcar ao longo de todo o século XX e que, afortunadamente, fracasou.
Fonte: https://www.gciencia.com/perspectivas/mulleres-rurais-estereotipo-realidade-paternalismo-feroz/
Comentarios
Publicar un comentario