Día Mundial da Educación 2025


Cada 24 de xaneiro celébrase o Día Mundial da Educación. Este ano, o lema da xornada «Intelixencia artificial e educación: preservar a autonomía nun mundo automatizado», destaca a importancia de ter en conta o impacto, cada vez maior, da intelixencia artificial no eido educativo. 

Nesta xornada a Unesco pon o foco nas grandes oportunidades que presenta a intelixencia artificial no eido educativo, pero tamén nas ferramentas que debemos desenvolver para garantir que se manteña o control sobre esta nova tecnoloxía e que poida dirixirse a obxectivos desexados, tendo como guía os dereitos humanos e a promoción do progreso cara aos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

Para garantir unha boa utilización deste potente recurso nas aulas é imprescindible a formación do profesorado e do alumnado en recursos críticos e éticos. Por outra banda, a Unesco incide na importancia da investigación para reforzar o aliñamento das decisións das máquinas coa intención e cos valores humanos, e na  regulación, co fin de definir como manter as liñas de responsabilidade sobre as accións das máquinas.

A intelixencia artificial ten un enorme potencial para o ben social e para a promoción do logro dos ODS, sempre que se desenvolva de xeito que beneficie a humanidade e que respecte as normas e os valores humanos así como a orientación cara á paz e ao desenvolvemento sustentable.

A educación na Axenda 2030

A educación é un dos piares nos que se sustenta a Axenda 2030 cara á construción dun mundo máis sustentable. No ODS 4 «Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas as persoas» recóllense as metas específicas da Axenda 2030 no eido da educación, pero ademais, a Axenda recoñece o carácter transformador da educación que contribúe de forma determinante para acadar todos os ODS e constitúe a base para unha sociedade xusta e igualitaria, así como para contribuír a un mundo sostible e pacífico.

Podes coñece máis detalles sobre os actos de celebración do Día Mundial da Educación na seguinte ligazón


Deixamos aquí esta outra información máis detaiada para os que sexan máis curiosos e curiosas:

Audrey Azoulay, directora xeral da UNESCO, decidiu dedicar o Día Internacional da Educación 2025 (venres, 24 de xaneiro) aos desafíos que presenta a intelixencia artificial (IA). Pide aos Estados membros da UNESCO que invistan na formación de profesorado e estudantes para facer un bo uso desta tecnoloxía na educación.

Baixo o lema IA e educación: preservar a autonomía nun mundo automatizado, o Día Internacional da Educación 2025 inspíranos para reflexionar sobre o poder da educación en dotar as persoas e as comunidades dos medios necesarios para navegar, comprender e influír nos avances tecnolóxicos.

A medida que os sistemas informáticos e a IA se volven máis sofisticados, os límites entre a intención humana e a acción automatizada dilúense, o que xera cuestións críticas sobre como preservar, redefinir e, idealmente, elevar a intervención humana nunha era de aceleración tecnolóxica.

Coa decisión de dedicar o Día Internacional da Educación 2025 á intelixencia artificial, a UNESCO pretende promover un debate mundial sobre o papel que ocupa esta tecnoloxía na educación.


Os Estados debátense entre autorización e restrición

A intelixencia artificial está cada vez máis presente na educación. Nos países con rendas altas, máis de dous terzos do alumnado de secundaria xa utilizan ferramentas xerativas de IA para faceren os deberes. O persoal docente tamén recorre cada vez máis á IA para preparar as aulas e avaliar os traballos do alumnado. A orientación académica e as admisións, tradicionalmente guiadas por persoal docente e experto, tamén están cada vez máis determinadas pola IA.

Con todo, os e as profesionais da educación aínda carecen de directrices claras sobre estas prácticas.

Só o 10 % das escolas e universidades supervisan oficialmente o uso da IA, segundo un estudo realizado pola UNESCO en maio de 2023, no que se analizaron 450 centros educativos. En 2022, só sete países elaboraran marcos ou programas sobre IA para o persoal docente, e só quince incluíran obxectivos de formación sobre IA nos seus currículos nacionais. Ao mesmo tempo, cada vez máis Estados impoñen restricións ao uso das novas tecnoloxías nas aulas.

Segundo datos da UNESCO, case o 40 % dos Estados teñen agora unha lei ou política que prohibe o uso de teléfonos móbiles nas escolas, fronte ao 24 % en xullo de 2023.


Unha ferramenta que debe ficar ao servizo de estudantes e profesorado

En virtude do seu mandato transversal na educación, ciencia, cultura e información, a UNESCO leva case dez anos abordando diversas cuestións relacionadas coa intelixencia artificial. En particular, a Organización logrou que os seus Estados membros adoptasen o primeiro marco normativo universal sobre ética da IA en novembro de 2021.

No ámbito educativo, a UNESCO publicou a primeira Guía para o uso da IA xerativa na educación e na investigación en setembro de 2023, así como dous marcos de competencias sobre IA para estudantes e profesorado en 2024. Estes traballos acometen tanto o potencial como os riscos da IA para un uso seguro, ético, inclusivo e responsable. Os estudos suxiren establecer un límite de idade de 13 anos para o uso da intelixencia artificial nas aulas.

A UNESCO tamén lembra que os recursos que os Estados destinan á IA deben sumarse aos recursos financeiros xa asignados á educación, e non ir en detrimento desta, tendo en conta que unha de cada catro escolas de primaria aínda non ten acceso á electricidade e que o 60 % delas non están conectadas a Internet. As necesidades básicas (escolas ben xestionadas e equipadas, con profesorado ben formado, remunerado e motivado) deben seguir sendo unha prioridade.

A IA ofrece grandes oportunidades para a educación, sempre que a súa posta en práctica nas escolas estea guiada por principios éticos claros. Para revelar todo o seu potencial, esta tecnoloxía debe complementar, e non substituír, as dimensións humanas e sociais da aprendizaxe. Debe ser unha ferramenta ao servizo de profesorado e estudantes, para proporcionarlles autonomía e benestar.


ENTREVISTA a Stefania Giannini, subdirectora xeral de Educación da UNESCO

A entrevista céntrase no uso da IA e da tecnoloxía na aula e no futuro da educación.
«A tecnoloxía debe estar ao servizo dos estudantes e non ao revés»

Tanto o sistema educativo como as aulas cambiaron moito nas últimas décadas. Como prevé que serán as clases do futuro?

Antes de mirar para o futuro, habería que remontarse ao pasado, a unha clase máis antiga, cando os nosos avós ían á escola. As mesas estaban organizadas en filas, usábase papel e bolígrafo, e o profesorado escribía con xiz no encerado. Hoxe en día, moitas aulas manteñen esta estrutura. Pero, canto ao futuro, a miña visión son clases flexibles que satisfagan a todo o alumnado, que empreguen as tecnoloxías avanzadas do momento, como hologramas e realidade aumentada, e que resistan as alteracións climáticas.

Sexa como for, as ‘aulas do futuro’ deben respectar a idea central da UNESCO: a conexión humana é clave, e as escolas físicas seguen sendo esenciais. A pandemia da COVID-19 lembrounos o fundamental que é a interacción presencial para a socialización e a construción de empatía.

Os colexios, hoxe en día, enfróntanse a unha crecente demanda de necesidades máis alá da ensinanza. Hai máis problemas de saúde mental nas aulas, de acoso escolar… Que necesitan as escolas para ofrecer esta resposta global? Máis investimento?

Segundo cifras da UNESCO, a escala mundial, un de cada tres estudantes informou de que foi vítima de acoso escolar no último mes. O problema é aínda máis grave para os grupos marxinados, como os mozos e mozas LGBTQ+, que sofren taxas máis altas de acoso. As escolas deben facer da saúde, a seguridade e o benestar unha prioridade, e para iso necesitan máis recursos, tanto humanos coma económicos. Isto significa formar o profesorado para identificar e abordar problemas de saúde mental, investir en profesionais e crear un espazo seguro para todo o alumnado. A sociedade, como comunidade, tamén debe desempeñar o seu papel, xa que a saúde e a seguridade da infancia van alén das escolas.

En España houbo oito leis educativas desde 1980. É necesario un marco legal máis duradeiro para garantir a estabilidade do sistema educativo?

A educación é un dereito humano fundamental, consagrado en instrumentos internacionais como a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948 e a Convención da UNESCO contra a Discriminación na Educación de 1960. Estes instrumentos salientan a obriga do Estado de proporcionar unha educación accesible e equitativa para todos, sen discriminación.

Aínda que a introdución de múltiples leis educativas pode xerar dúbidas sobre a estabilidade, as reformas frecuentes tamén poden reflectir o compromiso dun país por adaptar o seu marco legal ás necesidades educativas e sociais en constante evolución. A lexislación debe adaptarse ás diversas necesidades rexionais, culturais e económicas para seguir sendo efectiva e equitativa. O dereito á educación está en constante evolución, e o seu marco legal internacional require ser reexaminado para garantir máis equidade e relevancia nun panorama social e educativo cambiante.

O filósofo José Antonio Marina declara que «as grandes empresas tecnolóxicas queren ser os verdadeiros educadores do mundo». Está o futuro da educación en perigo?

A UNESCO cre que a educación é —e debe seguir sendo— un esforzo público e un ben común. É, fundamentalmente, unha obriga do Estado. A educación baséase nun contrato social fundamentado nos principios dos dereitos humanos, a xustiza social, a dignidade humana e a diversidade cultural.

Hoxe en día, as empresas tecnolóxicas están integradas en todos os sistemas educativos, desde plataformas de ensinanza en liña ata a xestión administrativa. En moitos colexios e universidades, as ferramentas dixitais son tan ubicuas coma os libros.

As grandes empresas tecnolóxicas desempeñan un papel importante, pero integrar a tecnoloxía na educación debe facerse nos nosos propios termos; referímonos ao proxecto colectivo que representa os intereses da sociedade. O sistema educativo debe asegurar que a educación sexa ética, xusta e centrada no benestar do alumnado, non nos beneficios económicos.

En 2021, os Estados membros da UNESCO adoptaron por unanimidade o primeiro estándar global sobre ética da intelixencia artificial —a Recomendación sobre a Ética da IA— para protexer os dereitos humanos e a dignidade, baseada nos principios fundamentais como a transparencia, a xustiza e a non discriminación. A Recomendación establece once áreas clave para accións políticas, incluídas a educación e a investigación.

Desde unha perspectiva educativa, o importante é que a tecnoloxía estea ao servizo do alumnado, e non ao revés.

Entón, deberían estar prohibidos os móbiles nos colexios?

Este é un tema candente, como mostra o Informe de Seguimento da Educación no Mundo da UNESCO. Estimamos que arredor de un de cada tres países puxo en marcha prohibicións de móbiles mediante leis ou políticas, e este movemento está en expansión, cun número crecente de responsables políticos que defenden colexios libres de móbiles.

Os móbiles poden ser unha distracción, como todos sabemos; só a súa presenza pode desviar a atención do estudo e, unha vez que o alumnado está distraído, poden pasar uns vinte minutos ata que retoman a súa tarefa. Ademais, a dependencia excesiva das pantallas pode afastar os estudantes de escribir á man, o cal activa diferentes partes do cerebro, mellorando a memoria e a comprensión. Con todo, co contido e a guía adecuada, os móbiles tamén poden usarse para aprender. Grazas aos teléfonos móbiles, as persoas teñen acceso a unha enciclopedia de coñecemento nos seus petos. Isto é unha gran vantaxe para expandir o acceso á información, especialmente para persoas en medios rurais que quizais non teñan acceso a libros físicos.

As prohibicións absolutas poden non ser apropiadas en todos os contextos: as escolas experimentaron con modelos diferentes, desde unha prohibición total ata permitir os teléfonos na clase durante certos exercicios ou nos descansos entre clases. O que está claro é que o foco debe permanecer no estudante; o uso que se dá á tecnoloxía debe empregarse para apoiar a educación, non dificultala. Tarde ou cedo, o alumnado estará exposto a estes dispositivos, e a educación debe ensinarlles como usalos de forma segura e con responsabilidade.

A intelixencia artificial é a verdadeira revolución. Deberíase regular o uso da IA nas aulas? Existe o risco de que as persoas sexan relegadas ao papel de máquinas na educación? Que ameazas e beneficios ve?

Todos somos parte da ‘xeración IA’, e esta tecnoloxía presenta moitas implicacións para o futuro da educación. Por unha banda, ofrece novas oportunidades para enriquecer as experiencias de aprendizaxe, proporcionar retroalimentación detallada e apoio ao alumnado, e aliviar as cargas administrativas do profesorado. Por outra, xorden preocupacións sobre a privacidade e a seguridade, así como preguntas complexas sobre a natureza do coñecemento, o futuro papel do profesorado e a integridade académica.

Algúns argumentaron que o uso da IA xerativa pode cubrir a escaseza de profesorado. Con todo, sabemos o que se necesita realmente para unha educación de calidade: escolas ben administradas e ben equipadas, con profesorado ben formado, adecuadamente remunerado e motivado na súa misión.

A perspectiva da UNESCO é promover un enfoque centrado no ser humano para integrar a IA na educación, dotando o alumnado das habilidades e competencias necesarias para prosperar na era dixital e, a través da educación, desenvolver tecnoloxías de IA que protexan e amplíen os nosos diversos sistemas de coñecementos, en lugar de reducilos.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Sociedade Filarmónica Ferrolana. Avance dos primeiros concertos desta temporada 2024/2025

Artigo sobre Xan Viaño

I CONCURSO POSTAL DE NADAL MUSICAL