Cantas rúas con nomes de muller hai no teu concello? Compróbao neste mapa
Unha aplicación interactiva permite visualizar a porcentaxe aproximada de espazos en feminino que existen en Galicia
Rosalía de Castro, Clara Campoamor e Concepción Arenal son algúns dos nomes femininos máis presentes na guía de rúas de Galicia. Pero en que porcentaxe están representadas as mulleres neste eido? Teñen os homes máis vías, avenidas ou paseos dedicados? Agora pódese comprobar a golpe de clic grazas a un mapa interactivo.
A través do proxecto Street names lab, un grupo de investigación das universidades de Sevilla, Granada e Barcelona analiza cuantitativamente os topónimos urbanos da guía de rúas de España. Para este estudo desenvolveron un algoritmo que “clasifica de forma automática as rúas de mulleres e de homes, examinando miles de termos obtidos da Guía de Rúas do Censo Electoral do Instituto Nacional de Estatística dende 2001 ata a actualidade”.
Marxe de erro do algoritmo
O propio proxecto advirte que este algoritmo está “suxeito a un proceso de mellora constante, non exento de erros”. Os investigadores matizan que o valor do indicador de proporción “poder ser elevado en municipios pequenos, mentres que en vilas grandes a marxe de erro agárdase que sexa menor”. Isto débese ter moi en conta á hora de observar os datos galegos, xa que existen concellos nos que a porcentaxe está baseada nunhas cantas rúas ou directamente non existen valores, como é o caso de Vilaboa, O Irixo e Abadín.
Malia isto, este mapa interactivo que presenta a porcentaxe aproximada das rúas con nome de muller en Galicia reflicte que os concellos das grandes cidades só teñen entre un 11% e un 20% dos seus espazos en feminino. Con menor porcentaxe están Ferrol (10,68%), Pontevedra (11,17%), Lugo (cun 11,38%), A Coruña (12,06%) e Ourense (13,3%). Mentres que Vigo e Santiago obteñen un 16,94% e 20,09%, respectivamente.
Por outro lado, os concellos que teñen máis porcentaxe de rúas de mulleres, segundo o mapa interactivo, son Barreiros, Dodro, Castrelo de Miño e Cabanas, aínda que hai que volver a recalcar a marxe de erro do algoritmo en vilas pequenas. Pola contra, municipios como Sober, Castro de Rei, Fornelos de Montes ou Zas non teñen ningún espazo en feminino.
Outras ferramentas de análise
Ademais do mapa interactivo, o proxecto Street names lab conta con outras ferramentas que permiten analizar a evolución dos nomes na guía de rúas de Galicia. A través dun buscador pódese ver a evolución da porcentaxe de espazos con nome de mulleres dende 2001 nun concello concreto ou na provincia. En casos como o de Vigo reflíctese un aumento notable deste valor entre 2008 e 2009, pasando dun 13,61% a un 15,67%. Máis importante foi o período entre 2008 e 2011 en Santiago, que pasou dun 11,92% a un 20,29%.
No caso de Lugo o salto de proporción deuse entre os anos 2016 e 2017, pasando dunha porcentaxe de 9,09% a 11,38%. En Pontevedra, a evolución comeza en 2015, cun 8,47% de rúas con nome de muller, ascendendo ata un 11,17% en 2022.
Por outra banda, os investigadores tamén analizaron os nomeamentos tendo en conta a relixión. Segundo o seu estudo, a proporción de rúas con significados relixiosos é “aproximadamente dun 12% de media nos concellos de España”, detallan.
Comentarios
Publicar un comentario