Novidades do estudo Senxoxenoma

O estudo Sensoxenoma revela que a música cambia a microbiota en persoas con autismo e demencia

O proxecto liderado polo IDIS acha que as composicións son un modulador biolóxico capaz de influír nos xenes, proteínas e microorganismos que afectan directamente á saúde


O próximo 3 de outubro desenvolverase a cuarta edición de Sensoxenoma. Foto: RFG

A música, un elemento universal que acompañou a humanidade desde as súas orixes, non só conmove ou serve de entretemento: tamén pode transformar a bioloxía humana. Esta é unha das conclusións ás que chegou o proxecto Sensoxenoma que logo de tres anos de investigación revela por primeira vez como a música pode influír na bioloxía humana. Os estudos mostran que certos estímulos son capaces de modificar a expresión dos xenes, a actividade das proteínas e mesmo a microbiota oral. Estas investigacións as están a levar a cabo en pacientes con diferentes condicións, como dano cerebral, alzhéimer ou Trastorno do Espectro Autista (TEA).

“Entendemos agora que a música non é só un estímulo cultural ou emocional, senón un modulador biolóxico capaz de influír en xenes, proteínas e microorganismos que afectan directamente á saúde e o benestar”, afirmou o catedrático da Universidade de Santiago (USC) Antonio Salas. Os achados resultan reveladores, segundo destacou a secretaria xeral da USC, Dulce María García, xa que considera que é un proxecto innovador e pioneiro que abre novas vías cara a medicina personalizada cunha clara dimensión social.

Tres anos de investigacións

O estudo comezou cos Concertos Sensoxenoma22, en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia e o Auditorio de Galicia, concibidos como experimentos controlados para estudar a relación entre estímulos musicais e bioloxía humana. Durante os primeiros dous anos, os estudos centráronse en persoas sen patoloxías coñecidas e en pacientes con trastornos cognitivos de idade avanzada, sobre todo o alzhéimer. Grazas a estes estudos pioneiros, o equipo publicou diversas investigacións que sentaron as bases para explorar como a música pode influír en procesos biolóxicos complexos.

2025 foi un ano especialmente revolucionario para o proxecto. Por primeira vez, os investigadores lograron analizar pacientes con dano cerebral e TEA, ademais de achegar novos resultados naqueles con demencia. “Rompemos barreiras técnicas de todo tipo”, comenta Antonio Salas. “Dende analizar cantidades mínimas de sangue obtidas cunha simple punción no dedo, ata estudar o transcriptoma completo a partir de mostras de saliva e bágoas. Ademais, logramos medir simultaneamente a expresión de máis de trinta mil moléculas, miles de proteínas e por primeira vez tamén na historia, a microbiota oral en pacientes con alzhéimer e TEA a partir de mostras mínimas recollidas en contextos loxísticos moi complexos”, explica.

A música modula xenes

En pacientes con TEA, a música modula xenes implicados no desenvolvemento neurolóxico, a regulación inmune e a función mitocondrial. Mentres, no alzhéimer os cambios na microbiota oral suxiren que a música podería influír en mecanismos relacionados coa neuroinflamación e a progresión da enfermidade. Estes resultados alíñanse coa hipótese emerxente en neurociencia de que infeccións e desequilibrios microbianos poderían ser un factor causante de certas demencias. “É fascinante observar como un estímulo tan humano como a música pode xerar cambios medibles no corpo”, explicou Laura Navarro. “Isto demóstranos que a música pode actuar como un modulador biolóxico, non só emocional ou cognitivo. E o mellor é que estes efectos percíbense de maneira máis intensa nos pacientes, o que abre enormes posibilidades terapéuticas”, engade.

O proxecto tamén destacou a importancia da colaboración con asociacións de pacientes. Estas organizacións, un total de quince na actualidade, non só facilitan o contacto cos participantes, senón que achegan perspectivas valiosas sobre a experiencia subxectiva do paciente e a súa calidade de vida. Integrar estas voces permite, segundo os especialistas, avaliar non só cambios biolóxicos, senón tamén melloras en interacción social, comunicación e benestar emocional, aspectos fundamentais na vida diaria de quen sofre dano cerebral ou TEA. Esta estreita colaboración deu lugar a outro dos grandes fitos do ano: a posta en marcha do proxecto europeo EUTERPE_adn, que permitiu desenvolver talleres musicais interactivos e sostidos no tempo con pacientes de distintas patoloxías, así como a recollida e análise de mostras biolóxicas para avaliar o efecto destas intervencións.

Unha proposta única

Sensoxenoma representa unha disciplina emerxente que estuda como os estímulos sensoriais afectan a bioloxía a nivel molecular. Grazas a esta perspectiva, o equipo busca identificar biomarcadores de resposta individual, validar dianas terapéuticas e establecer relacións causais entre música e procesos fisiolóxicos, abordando cuestións históricas sobre a falta de evidencia científica en estudos de arte e saúde. O equipo investigador destaca que a música non só activa o cerebro, senón que tamén ten un efecto sistémico, modulando xenes, proteínas e microbiomas en tecidos periféricos como a saliva. Isto indica que a música pode actuar sobre o chamado eixo oral-cerebro, unha vía emerxente que conecta a microbiota oral coa función cerebral e os procesos inflamatorios.

“Estamos ao comezo dunha nova era na investigación da música e a saúde”, conclúe Federico Martinón, responsable do Grupo de Investigación en Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas. “A integración da sensoxenómica coa neurociencia, a clínica e a bioloxía molecular permítenos albiscar terapias musicais baseadas en evidencia sólida, con potencial para transformar a atención de pacientes con diversas condicións neurolóxicas e cognitivas”, sinala.

Antonio Salas indica, pola súa parte, que a detección de alteracións na microbiota de pacientes tras o estímulo musical resulta especialmente interesante, xa que hoxe exponse que a orixe de certas enfermidades neurodexenerativas podería vincularse a infeccións orais. “Que a música sexa capaz de modular a microbiota oral abre a posibilidade de explorar o seu potencial na identificación de biomarcadores”, afirma. Así, durante 2025, os especialistas de GenPoB/GenViP publicaron seis novos estudos, ampliando e consolidando a evidencia de que a música modula a expresión xénica, o proteoma e a microbiota, tanto en pacientes con enfermidades como en individuos sans.

Beneficios importantes

Entre as achegas máis relevantes destaca o feito de que a música pode compensar a expresión xénica alterada en trastornos cognitivos relacionados coa idade, activando rutas de autofaxia e organización sináptica. Ademais, en pacientes con alzhéimer, a música modula a microbiota oral e afecta a bacterias implicadas en neuroinflamación e procesos neurodexenerativos. No caso do TEA, a música inflúe en xenes asociados á función inmune e mitocondrial, así como a microbiota oral, suxerindo efectos sistémicos e potenciais beneficios para a cognición e a interacción social. Finalmente, no dano cerebral, a música afecta xenes vinculados á neuroplasticidade e a reparación neuronal, apoiando a súa integración en programas de rehabilitación.

A sensoxenómica, como disciplina que estuda o impacto da música na expresión xénica, foi creada como concepto e desenvolvida polos grupos de investigación multidisciplinar GenPoB (Grupo de Xenética de Poboacións en Biomedicina) e GenViP (Grupo de Investigación en Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas) da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), do que tamén forma parte a Universidade de Santiago de Compostela. O proxecto está liderado polos catedráticos da USC Antonio Salas Ellacuriaga e Federico Martinón Torres, responsables respectivamente de GenPoB e GenVip, e pola doutora Laura Navarro Ramón, musicóloga e coordinadora de Sensoxenoma.

Próximo concerto

O próximo 3 de outubro desenvolverase a cuarta edición de Sensoxenoma, un referente cultural e científico xa consolidado en Santiago de Compostela, no que a Real Filharmonía de Galicia (RFG) e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela interpretarán un repertorio secreto. O concerto, que acollerá novamente o Auditorio de Galicia, terá dúas partes musicais de 30 minutos e recolleranse mostras de doantes voluntarios antes, despois e no descanso do concerto para poder comparar os resultados de dous impulsos musicais contrastantes.

Laura Navarro destaca que o repertorio será secreto, como nos anos precedentes. “Cada parte do concerto estará asociada de novo a dúas emocións distintas, o que nos permitirá estudar o efecto de diversos estímulos musicais na nosa bioloxía”, lembra. Recolleranse mostras de sangue (punción capilar nun dedo), de saliva (frotis bucal) e lacrimais de persoas maiores de 18 anos, e usaranse sensores inalámbricos grazas á renovación da colaboración académica coa Escola de Psicoloxía da Universidade do Minho. A través dos sensores que levarán os doantes nas súas mans durante o concerto poderase supervisar a actividade electrodérmica, o ritmo cardíaco e a presión sanguínea, algo xamais realizado.

Tamén haberá entradas libres

Nesta edición, recolleranse mostras de persoas con enfermidades neurodegenerativas, trastorno do espectro autista e dano cerebral, grazas á colaboración de distintas asociacións de pacientes, como Dano cerebral Santiago de Compostela, AMES Miastenia, ASPANAES e a Asociación Española de Paraparesia Espástica Familiar. Os investigadores informan de que tamén se usarán por primeira vez mochilas vibratorias en participantes da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) co obxectivo de facer a experiencia musical máis inclusiva e versátil.

As inscricións para participar como doante realizaranse directamente a través da páxina web oficial do proxecto. As persoas doantes formarán parte dunha investigación, así que deberán asinar un consentimento informado. Tamén haberá entradas ao dispor do público xeral á venda a un prezo de 5 euros na Zona C e na web de Compostela Cultura.

Fonte: https://www.gciencia.com/investigacion/o-estudo-sensoxenoma-revela-que-a-musica-cambia-a-microbiota-en-persoas-con-autismo-e-demencia/



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Artigo sobre Xan Viaño

Voluntariado na Biblioteca do Xan Viaño

Letras Galegas 2026: Begoña Caamaño