A Deputación da Coruña presenta os premios da súa área de Cultura, dotados con 102.000 euros

A entidade provincial persentou esta quinta feira os seus galardóns literarios, musical, fotográfico e de arte gráfica.


A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña acolleu esta quinta feira a presentación de todos os certames convocados pola área de cultura para este 2025. No acto participaron a deputada de cultura, Natividade González, e os comisarios dos premios literarios, Susana Pedreira; do Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais, Rocío Castro; do Luís Ksado de creación fotográfica, Xurxo Lobato, e do Jesús Núñez de Arte Gráfica, Pedro Galilea.

Os certames convocados son o Castelao de Banda Deseñada, o Manuel Murguía de Ensaio, o Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, o Torrente de Narrativa en Galego e Castelán, o Jesús Núñez de Arte Gráfica, o Luís Ksado de Fotografía, o Isaac Díaz Pardo de Arte, o Fran Pérez “Narf” para Grupos e Artistas Musicais e o Begoña Caamaño á Acción Cultural pola Igualdade de Xénero, que suman unha dotación de 102.500 euros. O prazo para presentarse a todos eles remata o 10 de abril, a excepción do Ksado que se prolonga até o 31 de maio.

A deputada, Natividade González, destacou o “compromiso” da Deputación co “patrimonio cultural do país”, promovendo certames nas diferentes disciplinas para “poñer en valor o traballo de artistas, autores e creadores”. González salientou tamén a “aposta” da área de cultura da entidade provincial polo “talento”, a través duns premios “que premian a nosa cultura e os nosos magníficos creadores e creadoras, e dos que saíron nomes que hoxe son unha auténtica institución no panorama internacional como o propio Manuel Rivas”.

Xurxo Lobato salientou a “traxectoria” do Luís Ksado, que “naceu no 1996 e este ano cumpre a súa 19 edición”, explicando que “non é so un concurso, pois conta con outras actividades complementarias”. Lobato tamén adiantou dous dos nomes do xurado deste ano, “a fotógrafa palestina Maysun, e a fotoxornalista de El País Mónica Torres, vítima da DINA, que arrasou coa súa casa e o seu material”.

Pola súa banda, Rocío Castro referiuse ao Narf como “un certame máis que consolidado no sector” que “promociona a música de base, os novos talentos e valores e o propio legado de Fran”. A comisaria tamén nomeou algúns proxectos premiados en anteriores edicións, como Familia Caamagno, Lucía Aldao, Agoraphobia… “que hoxe están despuntando nos escenarios de todo o Estado”.

A comisaria de todos os premios literarios (o Castelao, o Manuel Murguía, o Raíña Lupa e o Torrente Ballester), Susana Pedreira, sinalou que estes certames “premian historias e persoas que os xurados len de forma anónima”. Fixo un chamamento para que as persoas “presenten as súas historias” a estes premios que van máis aló dos “case 70.000€ que reparten” para converterse nunha “grande oportunidade de publicar”.

Pedro Galilea explicou tamén o percorrido do Jesús Núñez de Arte Gráfica, “polo que pasaron 3207 artistas de 42 países diferentes”. Tamén apuntou que “é moito máis que un premio” xa, que “concedéronse 32 residencias e editáronse 19 catálogos de 570 artistas, o que supón unha moi boa oportunidade para os novos talentos”.

Ademais dos mencionados, existen outros dous premios como o certame de arte Isaac Díaz Pardo e o Begoña Caamaño a acción cultural pola igualdade.

Fonte: https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/deputacion-da-coruna-presentou-premios-da-area-cultura/20250327205746219288.html

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Sociedade Filarmónica Ferrolana. Avance dos primeiros concertos desta temporada 2024/2025

Artigo sobre Xan Viaño

I CONCURSO POSTAL DE NADAL MUSICAL