Un equipo da UVigo logra asentar en Corrubedo unha tartaruga en perigo de extinción
No ano 2004, en equipo da Universidade de Vigo (UVigo) incorporou sete crías da tartaruga europea (Emys orbicularis) no Parque Natural de Corrubedo. O obxectivo desta iniciativa promovida pola Xunta era a reintrodución da especie —considerada en perigo de extinción no catálogo autonómico— nun hábitat no que estivera presente historicamente. Nos seis anos seguintes, o grupo incorporaba ás lagoas outras oito crías e cinco exemplares adultos. Tras un exhaustivo traballo de seguimento e avaliación, vense de constatar o aumento da poboación de tartaruga europea en Corrubedo.
Os labores de vixilancia e control permitiron comprobar como o número de sapoconchos presentes nunha poza do complexo dunar se mantiña estable ata 2018, con cifras que oscilaban entre os 13 e o 15 individuos. Despois experimentou un crecemento e alcanzou os 50 exemplares a finais de 2023, 30 deles nacidos no propio parque natural. Non obstante, as análises xenéticas realizadas confirman tamén a “reducida diversidade” desta poboación, o que, recoñecen os investigadores, “non permite facer prever expectativas optimistas” sobre a súa “viabilidade a longo prazo”. Ademais, sinalan, “a escasa capacidade de colonización dentro do parque, con moi poucos individuos atopados fóra da charca principal, tamén poderá condicionar a supervivencia futura da especie” nesta contorna.
Os resultados dos traballos realizados durante dúas décadas de seguimento foron recentemente publicados por Cordero, Guillermo Velo e César Ayres nun artigo na revista Animal Biodiversity and Conservation. Estes traballos desenvolvéronse ao abeiro dunha serie de axudas e contratos de investigación financiados, principalmente, polo Goberno galego e tamén pola UVigo. A nivel global, Emys orbicularis figura na categoría de especies “case ameazadas” na listaxe da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) e no caso de Galicia, a súa presenza é escasa, o que fai que non existan na comunidade, como recoñece Cordero, “outras experiencias similares” de reintrodución como a levada a cabo nas lagoas de Olveira.
Unha poboación que comezou con 15 crías e cinco adultos
Esta escaseza motivou que a reintrodución se levase a cabo “usando maioritariamente individuos neonatos”, ante a imposibilidade de empregar exemplares adultos doutras poboacións existentes en Galicia, sen “poñelas en risco”. Así, a repoboación iniciouse en 2004 coa liberación, cando tiñan oito meses, de “sete individuos nados no laboratorio”, descendentes da poboación existente nas Gándaras de Budiño.

Os traballos periódicos de seguimento levados a cabo polos investigadores nos anos posteriores permitiron constatar que o tamaño desta poboación, presente nunha única charca, mantívose estable ata 2018, con cifras anuais que oscilaban entre os sete e os 18 exemplares vivos, para logo triplicarse e superar desde 2022 os 40 exemplares. Este aumento, explican, “pode deberse ao inicio da reprodución dos primeiros individuos nacidos no parque”, posto que en 2010 detectaron por primeira vez a presenza dunha cría e as femias da tartaruga europea alcanzan a súa madurez sexual aos seis anos, o que á súa vez lévaos a concluír que a pódese consdierar un “hábitat óptimo” para este sapoconcho.
Problemas que afectan a súa viabilidade a futuro
Nos traballos de campo realizados en 2022 e 2023 obtivéronse mostras de sangue de 25 novos exemplares nacidos no parque natural e as análises de ADN permitiron confirmar a “diversidade xenética reducida” desta poboación, o que, a pesar dos “positivos resultados” dos parámetros demográficos e de crecemento non permiten “facer expectativas optimistas sobre a viabilidade a longo prazo desta poboación”.
Ao mesmo tempo, o feito de que só poida atoparse nunha charca artificial de 0,3 hectáreas fai tamén prever que esta poboación “non poida crecer moito máis” neste espazo, como recoñece Cordero. De aí que entre as propostas a futuro dos investigadores figuren iniciativas dirixidas a ampliar e “diversificar os hábitats” desta poboación, “incluso coa creación dunha charca ou lagoa artificial que permita aumentar o seu número”.
Dando continuidade ao traballo desenvolvido ao longo destas dúas décadas, o grupo EcoEvo prevé poder realizar unha nova mostraxe este ano, que se sumaría ao seguimento que Velo está a realizar con cámaras-trampa, coa colaboración dos axentes ambientais do parque natural.
Comentarios
Publicar un comentario