Dúas eclipses de Sol e Lúa en marzo: así poderás observalas dende Galicia

O día 29 comenzará un período astronómico único en España con destacados eventos que serán visibles no país durante os próximos anos


Galicia poderá desfrutar de dúas eclipses durante este mes de marzo. Unha total de Lúa e outra parcial de Sol. Será o comezo dun período astronómico único que terá lugar en España durante os tres seguintes anos nos se que poderá observar unha eclipse solar total ou anular en 2026, 2027 e 2028. Esta mesma semana terá lugar a coñecida como “Lúa de sangue”, onde o satélite non estará completamente escuro, senón que acadará un ton vermello.
Este mesmo venres 14 de marzo terá lugar a eclipse total de Lúa. Este fenómeno astronómico será visible en Galicia, segundo indican dende o Observatorio Astronómico Nacional (OAN), e semella que, a día de hoxe, a situación dos ceos galegos permitirán a súa observación. Segundo as predicións de Meteogalicia, haberá un 10% de nubes durante a noite desa xornada, polo que sería posible poder contemplar a simplemente vista o evento. Cabe sinalar que de cara ao mércores agárdase a chegada dunha nova borrasca atlántica, polo que é recomendable consultar os cambios na climatoloxía durante os próximos días.
O eclipse total deste venres é nomeado como “Lúa de sangue” debido ao ton vermello que acadará o satélite terrestre durante o evento. Isto débese a que parte da luz solar é desviada pola atmosfera terrestre, por iso acadará esa cor característica e non será completamente escura. O fenómeno astronómico comenzará ás 07:26 horas, rematará ás 08:31 horas e o seu punto máximo en Galicia será ás 07:58 horas. Haberá que estar moi atentos, xa que a Lúa poñerase ás 07:53 horas, polo que só será posible ver un anaco do evento astronómico, segundo detallan dende o OAN.

Eclipses de Sol de marzo

No que respecta aos fenómenos astronómicos relacionados co Sol, Galicia poderá observar este mesmo mes de marzo unha eclipse sola parcial o día 29 de marzo. Será durante a mañá cando se dea este evento. Concretamente, entre ás 10:43 horas e as 12:37 horas. Dende as catro provincias galegas poderase observar como lle falta un anaco á circunferencia do astro, sendo o punto máximo ás 11:39 horas, onde alcanzará unha magnitude de 0,41, a máxima que se dará en España.

Este evento abrirá un período único no país no que respecta aos fenómenos astronómicos. Durante os anos 2026, 2027 e 2028 terán lugar tres eclipses solares visibles no país: dous totais e un anular. O primeiro deles será o 12 de agosto de 2026 e será o único que sexa visible ao completo en parte de Galicia.


Un minuto de escuridade

As provincias da Coruña e Lugo poderán observar este evento de 2026 na súa plenitude que deixará aos territorios somerxidos na escuridade durante un só minuto. A eclipse comenzará ás 17:34 horas desa xornada e terá o seu punto álxido ás 20:28 horas, segundo o OAN. Acontecerá preto do solpor, polo que os amantes da astronomía deberán estar atentos a ese día. O resto de Galicia poderá contemplar como se cobre o Sol en máis dun 90%, asegura o presidente da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, Enrique Alonso, quen se encarga da xestión do Observatorio Astronómico de Forcarei.

A este evento de 2026 haberá que sumarlle a eclipse do día 2 de agosto de 2027 e a do 26 de xaneiro de 2028. Desafortunadamente para Galicia o único fenómeno astronómico que se poderá observar en plenitude dende a comunidade será o do próximo ano. A eclipse total de 2027 poderase contemplar completa na zona sur de España. Con respecto a 2028, este fenómeno astronómico será anular e en Galicia verase como unha eclipse parcial, xa que non se chegará a crear ese “anel de lume” característico deste tipo de eventos.

Fonte: https://www.gciencia.com/ceos/duas-eclipses-de-sol-e-lua-en-marzo-asi-poderas-observalas-dende-galicia/





Comentarios

Publicacións populares deste blog

Sociedade Filarmónica Ferrolana. Avance dos primeiros concertos desta temporada 2024/2025

Artigo sobre Xan Viaño

I CONCURSO POSTAL DE NADAL MUSICAL