A que xogaban os romanos? O achado dunha ficha en Sober dá novas pistas

Unha peza de pedra branca atopada no xacemento arqueolóxico de Proendos podería pertencer a un antigo xogo de mesa coñecido como alquerque de nove

Peza de pedra branca que podería estar vinculada a un xogo de mesa da época romana. Foto: Sergio Sánchez

Coñécese que no Imperio Romano non todo o lecer se centraba nos espectáculos de gladiadores e nas carreiras de carros. Os xogos de mesa tamén formaban parte da vida cotiá. Un exemplo é o Ludus latrunculorum, traducido do latín como “xogo dos ladróns”, achado no xacemento arqueolóxico de Complutum (Madrid) e considerado un antecedente das damas ou mesmo do xadrez. Un equipo liderado polo arqueólogo e técnico en patrimonio cultural Sergio Sánchez, director da escavación de Proendos, no concello de Sober (Lugo), descubriu recentemente unha peza que podería estar vinculada a este tipo de actividades lúdicas da época romana.

Segundo as referencias doutros achados en escavacións anteriores, os investigadores cren que podería tratarse dunha ficha dalgunha modalidade de alquerque, pola súa tipoloxía. “Só atopamos unha peza pulida“, explica Sánchez.

O obxectivo podería estar relacionado coa variedade coñecida como alquerque de nove ou “xogo do moliño”, orixinado en tempos do Imperio Romano. Este xogo, que aínda se practica na actualidade, consiste nun taboleiro con 24 interseccións no que cada xogador dispón de nove pezas co obxectivo de deixar ao rival con menos de tres ou sen movementos posibles. Mais, quen sabe como xogaban os romanos?

Aínda que sen datar, a cronoloxía da ficha pódese supoñer. O horreum de Proendos, situado ao carón da vila agora en escavación, data do século I, aínda que a datación exacta da peza continúa sen determinarse. Os arqueólogos consideran que pertence á época romana: “Agardamos datala con máis precisión estudando o material”, informa Sergio Sánchez.

Unha peza de mármore branca

A peza atopada é de pedra de cor branca. Os arqueólogos da escavación pensan que podería ser mármore, pola súa textura e porosidade. Con todo, as referencias doutros achados indican que tamén deberían existir pezas doutra cor, posiblemente negra.

“Este tipo de xogos empregan pedras de cores, normalmente negra e branca”, explica Sergio Sánchez, xa que non se trataba de pezas pintadas, aínda que faltan datos que o confirmen. A peza atopada está en bo estado de conservación, cunha pequena imperfección na superficie sen maior relevancia para o equipo.

Segunda informa o director da escavación, a peza foi recuperada nun depósito de abandono das estancias do xacemento. Isto significa que non procede dun contexto pechado, como unha tumba, senón que apareceu entre materiais depositados de maneira secundaria. Por este motivo, non se pode asociar a unha estancia concreta que confirme a súa función como peza de xogo, nin se atopou ningún obxecto complementario, como un taboleiro, que avalase esta hipótese.

Necesidade de estudos

Segundo explica Sergio Sánchez, a peza atopada será obxecto dun estudo detallado e da súa comparación con outros exemplos paralelos do Imperio Romano. Tras un primeiro proceso de limpeza, o fragmento de pedra será entregado ao museo correspondente para a súa conservación e análise.

Xacemento arqueolóxico de Proendos, no concello de Sober (Lugo)
Xacemento arqueolóxico de Proendos, no concello de Sober (Lugo). Foto: Sergio Sánchez







metodoloxía básica é a habitual en arqueoloxía: un lavado en seco, seguido polo siglado e rexistro do material. Estes pasos básicos permiten garantir a súa correcta identificación e conservación. Posteriormente, a peza poderá ser contrastada con outras características semellantes, o que axudará a obter máis información sobre o xogo e, en xeral, sobre a vida cotiá dos romanos que habitaron na Gallaecia.

Fonte: https://www.gciencia.com/retro/a-que-xogaban-os-romanos-o-achado-dunha-ficha-en-sober-da-novas-pistas/

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Artigo sobre Xan Viaño

Voluntariado na Biblioteca do Xan Viaño

Letras Galegas 2026: Begoña Caamaño