Nin dislexia nin autismo: que é o trastorno do desenvolvemento da linguaxe e como detectalo



 Nos últimos anos oímos falar con frecuencia da dislexia e do autismo, dous trastornos do neurodesenvolvemento que afectan a moitos nenos e que xa forman parte do vocabulario cotián de moitas familias e docentes. Pero hai outro trastorno igual de frecuente —ou mesmo máis— que continúa a ser moi pouco coñecido: o trastorno do desenvolvemento da linguaxe (TDL).

O TDL é un trastorno do neurodesenvolvemento que dificulta a aprendizaxe e o uso da linguaxe, sen que haxa unha causa evidente como perda auditiva, discapacidade intelectual ou autismo. Pode afectar a comprensión, a expresión, ou ambas.

Estímase que este trastorno afecta a entre un 7% e un 10% dos nenos en idade escolar. Con todo, moitas veces pasa desapercibido ou confúndese con “inmaturidade”, “vagancia” ou mesmo problemas de comportamento. Non é un simple atraso que se resolva co tempo.
É persistente e, se non se intervén, afecta o rendemento escolar, as relacións sociais e a autoestima.

Un trastorno invisible
O TDL considérase un trastorno invisible: non hai trazos físicos que o delaten. Moitos nenos manéxanse ben en conversacións cotiás, pero bloquéanse cando a linguaxe se complica, como ao ler un libro de texto, escoitar unha explicación de ciencias ou entender un chiste.

No día a día, os pais poden notar que o neno non entende frases longas (“pon o vaso encima da mesa e despois tráeme a culler”), usa frases moi curtas e omite certas palabras (“neno xogar coche” en lugar de “o neno xoga co coche”), ou ten problemas para contar o que fixo no recreo.

Historicamente, o TDL recibiu nomes distintos (“trastorno específico da linguaxe” ou TEL, “trastorno mixto receptivo-expresivo”), o que xerou confusión e limitou a súa visibilidade. O proxecto internacional CATALISE impulsou o uso do termo trastorno do desenvolvemento da linguaxe e criterios máis claros para a súa identificación.

Sinais de alerta segundo a idade
Cada neno con TDL presenta un perfil distinto, pero algúns signos son frecuentes:
  • Na idade preescolar: dificultade para seguir instrucións, frases moi curtas, problemas para aprender cancións ou para contar o que pasou no día.
  • Na idade escolar: dificultades para comprender textos, usar oracións complexas, aprender vocabulario novo, erros gramaticais e de ortografía frecuentes, ou problemas para escribir con coherencia.
Como distinguilo doutros trastornos
O TDL pode confundirse con outras dificultades do neurodesenvolvemento, pero hai diferenzas importantes:
  • Non é dislexia. A dislexia céntrase nas dificultades para aprender a ler e escribir, en especial na decodificación de palabras e as habilidades fonolóxicas. Por exemplo, unha nena con dislexia pode confundir letras parecidas (b/d, p/q) ou ler “casa” como “cata”, aínda que logo teña un vocabulario oral rico e frases ben estruturadas. En cambio, unha nena con TDL pode ler correctamente “casa”, pero non comprender o que significa a frase enteira, ademais de ter unha linguaxe oral máis limitada e con erros gramaticais.
  • Non é autismo. No TDL as habilidades sociais e a intención comunicativa adoitan estar preservadas, aínda que a linguaxe sexa limitada. Mali que nos primeiros anos ambas as condicións poden parecer “nenos que falan tarde”, os estudos mostran que os nenos con TDL adoitan usar xestos, responder mellor á linguaxe e xogar de forma simbólica, mentres que no autismo predominan maiores problemas de comprensión, de contacto social e condutas repetitivas.
  • Non depende do cociente intelectual non verbal. No pasado, só se diagnosticaba TDL se a intelixencia non verbal do neno estaba dentro da media, como forma de distinguilo dunha discapacidade intelectual xeral. Hoxe sabemos que algúns nenos con TDL puntúan algo máis baixo nestas probas, pero iso non significa que teñan un atraso global. Por iso, os especialistas xa non usan a discrepancia entre capacidade verbal e non verbal como criterio diagnóstico.
Consecuencias a longo prazo
O TDL non desaparece coa idade. Aínda que moitos nenos melloran coa intervención, as dificultades adoitan acompañalos na adolescencia e na adultez. Estudos lonxitudinais mostran que os mozos con TDL teñen máis probabilidades de presentar problemas de lectura e escritura (en distinto grao: desde leves ata persistentes), abandonar antes os estudos, atopar máis barreiras no emprego e sufrir problemas de autoestima e de saúde mental.

Isto non significa que o prognóstico sexa necesariamente negativo: con diagnóstico temperán e apoio especializado moitos logran desenvolverse con éxito na escola e a vida diaria.

As intervencións céntranse en reforzar a linguaxe oral e escrita: traballar vocabulario, gramática e narración cun logopeda, usar apoios visuais e adaptacións curriculares na escola, e fomentar a lectura compartida e as conversacións na casa.

Na escola, os docentes poden axudar dando instrucións claras e curtas, comprobando que o neno entendeu, usando esquemas ou imaxes de apoio e ofrecendo máis tempo en exames e tarefas.

Na familia, os pais poden ler xuntos todos os días, ampliar o que o neno di modelando frases correctas (se di “auga aquí”, corrixilo a “si, a auga está aquí na mesa”), e animaro a contar historias da súa día a día.

Por que importa a intervención temperá?
A intervención temperá é fundamental porque a linguaxe é a base da lectura, a escritura e a aprendizaxe escolar. Canto antes se apoie ao neno, máis fácil será reducir as dificultades futuras. Un neno atendido aos 4–5 anos pode progresar notablemente mellor que un que recibe axuda aos 9–10, cando xa arrastra fracaso escolar e frustración.

A detección require unha avaliación profesional, normalmente realizada por logopedas ou especialistas en linguaxe. Pero pais e docentes son quen primeiro poden sospeitar: se un neno non avanza na linguaxe como os seus compañeiros, se as súas frases son moi curtas, se evita participar en conversacións ou se se frustra coa lectura, convén consultar. A intervención temperá é fundamental.

O TDL é frecuente, persistente e, con todo, un dos trastornos do neurodesenvolvemento menos coñecidos. Recoñecer os seus sinais e diferencialo doutros problemas é esencial para intervir a tempo. Como din os expertos do proxecto CATALISE, a linguaxe é a base da aprendizaxe, e apoiar a estes nenos desde pequenos é a mellor forma de abrirlles oportunidades no futuro.

Cláusula de divulgación: Anastasiia Ogneva recibe fondos da Comisión Europea a través do programa Marie Skłodowska-Curie Postdoctoral Fellowships 2022.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Artigo sobre Xan Viaño

Voluntariado na Biblioteca do Xan Viaño

Letras Galegas 2026: Begoña Caamaño