Vivas de milagre: violencias médicas contra as mulleres do século XIX

 

Vivas de milagre: violencias médicas contra as mulleres do século XIX


O 25 de novembro é o Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Logo The Conversation

Hai 25 anos que, a petición de Nacións Unidas, o mundo celebra o Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Foi nunha resolución específica para a que se elixiu o día exacto do calendario: 25 de novembro, efeméride do asasinato das irmás Mirabal, opositoras do ditador Rafael Trujillo, en República Dominicana.

Aquela resolución publicada no ano 2000 recollía, en realidade, un traballo previo da propia Asemblea de Nacións Unidas que, empapada pola Terceira Onda do Feminismo dos anos setenta, celebrara unha Convención sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller en 1979 e que terminou 24 anos despois cunha declaración específica sobre a violencia de xénero, o antecedente máis próximo de todos os 25N que estarían por chegar.

Dito doutra forma, o mundo leva xa case medio século falando ás claras contra unha das violencias humanas máis evidentes: a que sofren as mulleres polo feito de selo. Esa violencia que en pleno século XXI moitos se negan a recoñecer como unha violencia con motivacións e formas específicas é froito dun sistema que recoñeceu ao home como suxeito de poder, outorgándolle a capacidade de violentar, e relegou as mulleres ao de vítimas.

Ese sistema que as sociedades democráticas tratan de transformar atopou a partir do século XIX en Occidente a maneira de lexitimarse legal, social e mesmo cientificamente. Si, o século XIX, o mesmo dos grandes avances científicos e tecnolóxicos da contemporaneidade, o do nacemento dos Estados liberais, primeiro, e as democracias, despois, é o mesmo que lexitimou cientificamente o patriarcado e, por tanto, converteu as señoras do XIX nas primeiras vítimas “oficiais” das súas diferentes formas de violencia.

Elas, as que pariron o feminismo como unha corrente de pensamento liberador para homes e mulleres, foron as primeiras en quedar legalmente suxeitas ao poder dos homes.

Tuteladas por pais e maridos

Os códigos civís e penais que regulaban as relacións sociais nacen no século XIX coa premisa de que as mulleres deben ser tuteladas polos seus pais ou maridos. A súa capacidade de axencia queda negada mesmo nas súas relacións románticas grazas a un concepto de honra que as infantiliza.

Ao mesmo tempo, os seus corpos quedan controlados por unha medicina nesgada pola moralidade imperante. A ciencia dominante ve as mulleres como seres inferiores intelectual e sexualmente. A súa sexualidade é construída cientificamente a base de teorías que patoloxizan a súa capacidade para sentir desexo e pracer, o que non significa que non houbese discursos desde as marxes que cuestionasen esas ideas.

E aí é onde se me ocorreu mirar este 25N: á orixe das violencias contra os corpos das mulleres a través da súa sexualidade.

Ao longo do século XIX, cando a Xinecoloxía e a Obstetricia se consolidan como materias nas Facultades de Medicina, a teoría médica “inventa” dúas enfermidades que atribúe ás mulleres que manifestan sentir desexo ou pracer sexual. A histeria —utilizada como caixón de xastre para moitas outras patoloxías— e a ninfomanía son diagnosticadas ante o máis mínimo síntoma. E deséñanse tratamentos especialmente agresivos.

Segundo recollen as revistas médicas da época, existiron tratamentos puramente físicos que en casos extremos chegaron á extirpación de clítoris, ovarios e útero como medida preventiva.

A esa práctica sumábanse outras como a prohibición da masturbación, considerada unha práctica patolóxica, á vez que nas consultas se practicaban masaxes pelvianas aplicadas manualmente ou mediante vibradores mecánicos e eléctricos, aínda que o seu uso xerou controversia pola posibilidade de producir excitación sexual.

Este último asunto foi froito dunha polémica ao ser exposto pola historiadora da tecnoloxía Rachel Maines hai anos e rebatido con posterioridade, aínda que polo menos en prensa especializada española si apareceron estes vibradores como instrumentos para paliar as “molestias das mulleres”.

Electroterapia e bromuro contra a “lascivia”

As señoras do XIX foron sometidas a tratamentos como a electroterapia, uso de correntes eléctricas en diferentes partes da anatomía feminina, incluídos os xenitais. Ademais, foron tratadas con fármacos como o bromuro de potasio —receitado para combater pensamentos lascivos e dores de ovarios e hoxe retirado de calquera práctica sanitaria que non sexa veterinaria— e remedios naturais como a quininina, valeriana e a belladona.

Tamén probaron as “histéricas” o platino, a cloretona e ata sangue de matadoiro. Calquera cousa con tal de controlar calquera manifestación de desexo sexual fóra do interese reprodutivo.

Aquelas prácticas máis agresivas fisicamente foron caendo en desuso e substituídas por terapias psicoanalíticas que igualmente agredían a saúde mental das mulleres. As mulleres do XIX foron sometidas a tratamentos mentais como a hipnose e, o máis radical, o internamento en manicomios nos que se practicaban tamén a hidroterapia, duchas frías a presión contra o corpo.

A expresión das súas emocións e a súa condición de cidadás tuteladas por pais e maridos converteunas en vítimas de violencias que hoxe soan afastadas e case anecdóticas e que foron destruídas grazas, precisamente, ás conquistas que desde as marxes fixo o feminismo e a investigación con perspectiva de xénero.

Aquel mesmo feminismo que impregnara a convención da ONU de 1979 e que este 25N fainos conscientes de que Vivas nos queremos, aínda que esteamos “vivas de milagre”.


Cláusula de divulgación: Elena Lázaro Real é membro da Asociación Española de Comunicación Científica e da Asociación de Periodistas pola Igualdade.

Fonte: https://www.gciencia.com/tribuna/vivas-de-milagre-violencias-medicas-contra-as-mulleres-do-seculo-xix/


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Artigo sobre Xan Viaño

Voluntariado na Biblioteca do Xan Viaño

Letras Galegas 2026: Begoña Caamaño