O ceo énchese de luz: un novo bólido ilumina a noite en Galicia
O meteoro especialmente brillante foi avistado dende cidades como Vigo, Santiago ou Ourense, nunha xornada na que se rexistrou unha elevada actividade destes obxectos astronómicos na península
O pasado luns, 17 de novembro, algunhas persoas tiveron a sorte de observar un bólido no ceo de Galicia. Así o aseguraba o creador de contido galego Pedro Davila Fernández (@pooochooo) na súa canle de Instagram, onde anunciaba que acababa de ver un destes fenómenos luminosos arredor das 20:45 horas en Mos, con vistas cara ao Morrazo.
A súa publicación axiña recibiu respostas doutras persoas que tamén afirmaban ter visto o bólido dende distintos puntos: Vigo, Santiago de Compostela, Moaña, Pontevedra, Bastavales, Ourense ou mesmo Braga.
A diferenza dun meteoro común, un bólido é un meteoro excepcionalmente brillante. Prodúcese cando un meteoroide entra na atmosfera terrestre a gran velocidade, quentándose pola fricción e deixando tras de si unha intensa estela luminosa. Se algún fragmento consegue sobrevivir á desintegración e chega á superficie, entón falamos dun meteorito.
Segundo explica Josep M. Trigo, astrofísico do Instituto de Ciencias do Espazo (CSIC-IEEC) e da Rede de Investigación de Bólidos e Meteoritos (SPMN), na noite pasada rexistrouse unha elevada actividade de bólidos no ceo, polo que non é raro que se puidesen ver dende Galicia.
Fonte: https://www.gciencia.com/fotonautas/o-ceo-enchese-de-luz-un-novo-bolido-ilumina-a-noite-en-galicia/
Comentarios
Publicar un comentario