O arqueólogo galego Alfredo González-Ruibal, Premio Nacional de Ensaio 2024

O Ministerio de Cultura galardoa o libro 'Terra arrasada' pola súa "apaixonante e nova forma de presentar os conflitos armados"

O arqueólogo Alfredo González-Ruibal. Foto: Editorial Crítica

O arqueólogo Alfredo González-Ruibal acaba de ser galardoado co Premio Nacional de Ensaio 2024 pola súa obra Terra arrasada: unha viaxe pola violencia do Paleolítico ao século XIX (Crítica). O recoñecemento é concedido polo Ministerio de Cultura e está dotado con 30.000 euros. O investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC) naceu en Madrid pero criouse en Galicia, á que está moi vinculado.

O xurado destacou a obra do González-Ruibal pola “apaixonante e nova forma de presentar os conflitos armados desde a experiencia e o punto de vista da arqueoloxía de campo. Na precisión do narrado, subxace a experiencia directa do autor en diferentes xacementos, o que fai posible oír as voces habitualmente silenciadas no relato frío e convencional das guerras, elevando a categoría da arqueoloxía de ciencia a ética”.

Ademais, o xurado sinalou que Terra arrasada é “unha necesaria resposta ao porqué da guerra e da violencia. Un libro que ‘morde’, unha obra que é imposible ler con indiferenza”.

O premio recoñeceu na súa pasada edición a Antonio Monegal, uníndose a unha ampla lista de galardoados, entre quen se atopa Joan-Carles Mèlich Sangrà, Ramón Andrés, Irene Vallejo, Xosé Manuel Núñez Seixas, María Jesús Lama, Gonzalo Pontón e Adela Cortina, entre outros.

Unha longa traxectoria

González Ruibal, (Madrid, 1976), é doutor en Arqueoloxía Prehistórica pola Universidade Complutense de Madrid e científico titular Incipit-CSIC. Entre 2009 e 2012 dirixiu un proxecto sobre arqueoloxía da guerra civil española e o franquismo. Ademais, estudou o período fascista en Etiopía e o colonialismo en Guinea Ecuatorial a través dos seus restos materiais.

Publicou nalgunhas das máis importantes revistas internacionais de arqueoloxía como son Current AnthropologyWorld Archaeology, e Antiquity.É editor do primeiro volume sobre arqueoloxía da guerra civil española na revista Complutum e tamén divulgador sobre historia e arqueoloxía a través da súa canle de X (antes Twitter) @GuerraenlaUni.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Sociedade Filarmónica Ferrolana. Avance dos primeiros concertos desta temporada 2024/2025

Artigo sobre Xan Viaño

I CONCURSO POSTAL DE NADAL MUSICAL