Aprendizaxe mecánica, falta de recursos e presión familiar: as claves da caída galega no informe PISA

 


A profesora da UDC Montserrat Castro considera que as metodoloxías empregadas fomentan unha lectura instrumentalista en vez dunha comprensiva

As conclusións do informe PISA 2025 deixan Galicia nunha situación preocupante fronte aos seus resultados anteriores, en especial no ámbito da comprensión lectora, aínda que tamén nas competencias matemáticas e científicas. A profesora titular da área de Pedagoxía e Didáctica da UDC Montserrat Castro Rodríguez indica que entre os factores que están en xogo no rendemento das aulas galegas cóntanse a falta de recursos humanos, a presión familiar e académica por acadar certos resultados a un ritmo determinado e, sobre todo, o uso dunha metodoloxía mecánica que leva a ver a aprendizaxe como unha tarefa instrumentalista.

O informe PISA (Programa para a Avaliación Internacional dos Estudantes, polas súas siglas en inglés) é unha iniciativa da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) que avalía e compara o rendemento académico do alumnado que está finalizando a súa Educación Secundaria Obrigatoria en máis de 80 países do mundo, segundo explica o Ministerio de Educación. No caso de Galicia, examináronse 1.900 estudantes de 62 centros educativos.

A comprensión lectora, que adoitaba situar a comunidade en posicións elevadas do ránking, cae en Galicia 31 puntos en tan só tres anos. Esta cifra queda por debaixo do promedio marcado pola OCDE —o foro internacional que lidera o informe PISA— e da Unión Europea (UE), pero por enriba da media española. No relativo ás competencias matemáticas e científicas —as outras dúas capacidades tomadas en conta na elaboración da clasificación—, a caída é de 20 puntos.

Unha metodoloxía mecánica

Un dos factores máis importantes para entender a caída no rendemento lector é a metodoloxía de ensino, como explica a docente da Universidade da Coruña (UDC), que, ademais, conta con experiencia como mestra de primaria e secundaria e pedagoga terapéutica (PT). “Estamos ensinándolles aos nenos e nenas a ler de forma mecánica. É necesario apostar por metodoloxías baseadas na comprensión“, indica Castro Rodríguez. A pedagoga sinala que a escola, o fogar e, en conxunto, a sociedade seguen ancorados en propostas de aprendizaxe que non se adaptan ás necesidades reais do alumnado: “Aplicamos a nenos e nenas do século XXI metodoloxías do XX“.

Esta proposta docente volve a lectura unha actividade “funcionalista e instrumentalista”, asegura a profesora da UDC. Deste xeito, o feito de ler pasa a asociarse coa escola. “Co sistema actual non conseguimos que a xente vexa que a lectura vai máis alá de facer un traballo ou un exame. Pode ser para o disfrute, a creatividade e a liberación persoal”, conta Montserrat Castro.

A presión por avanzar

Esta relación entre escola e lectura tamén se presenta baixo outra concepción habitualmente perpretada por familias e docentes: saber ler canto antes é o mellor para o desenvolvemento do estudante. O alumnado adoita verse sometido á presión por acadar certos resultados o máis rápido posible, por completar uns obxectivos que, en realidade, tal vez non sexan os máis axeitados para garantir a mellor aprendizaxe. “Aprendemos a ler por letras e por sílabas a idades moi baixas. Hai tanta presión en torno á lectura, tanto dende o profesorado como dende casa, que non se corresponde coas características psicoevolutivas do alumnado“, asegura Castro Rodríguez.

A docente explica que hai uns anos era común asumir no ciclo de educación infantil que os nenos e nenas necesitaban lograr uns estándares de lectura antes de pasar a primaria. “Pensábase que tiñan que ter unha certa madurez para chegar ao proceso lector, que é un dos máis complexos que hai na aprendizaxe. Existía a preocupación de que o estudante non lera, pero non se ten en conta que infantil é unha iniciación á lectura. Vemos nas escolas que todo vai moi rápido; non se lles deixa que vivan a etapa ao seu ritmo“, aclara a pedagoga.

Os recortes educativos e as aulas cada vez máis… inclusivas?

A velocidade e a estandarización dos procesos cara a opcións máis mecánicas son unha consecuencia directa da falta de recursos humanos. “Os recortes educativos fan que o profesorado teña que adicar moito tempo a tarefas que pouco teñen que ver coa formación do alumnado”, resalta Montserrat Castro.

A docente sinala que esta sobrecarga dos profesionais da educación leva a outra problemática: “Non se lle está dando resposta á diversidade“. As aulas presentan perfís cada vez máis heteroxéneos: hai estudantes de diferentes procedencias, con linguas e culturas distintas, con capacidades diverxentes e situacións socioeconómicas dispares. “A diversidade é a riqueza máis grande que ten a sociedade. É unha oportunidade de mellora e de innovación, pero tamén supón retos”, apunta Castro. A docente da UDC sinala que esta situación revela dobres estándares nas aulas: “Insistimos en que os nosos fillos e fillas falen inglés, pero se vén un alumno falando quechua non o valoramos”, critica.

A pedagoga, que se especializa na área de inclusión educativa, reclama que faltan profesionais formados en metodoloxías enfocadas no desenvolvemento humano. “Os métodos de ensino actuais son moi homoxeneizadores. Ademais, estivemos vendo que coa reducción do profesorado tamén prolifera nas aulas un ensino diferenciado, aínda que se presente como se fora inclusivo. En vez de selo, o que fai é poñer un alumno ou alumna illado nunha clase cun profesor só”, explica Castro.

Por que caeu máis a lectura que as ciencias ou as matemáticas?

Para responder esta pregunta, Montserrat Castro alude os valores da sociedade de cada época: “A nivel social, hai determinados coñecementos que se aprecian máis en diferentes momentos. Agora ten moita forza o ámbito técnico-matemático“. Esta situación non só fai que teñan máis espazo nas aulas, senón que, como apunta a pedagoga, chame máis a atención de grupos de ensino fóra do horario escolar. “Por exemplo, vemos que hai clubs de ciencias que fan traballos espectaculares co alumnado”, indica a docente da UDC.

No relativo á actividade de ler —e, ante todo, de reflexionar sobre un texto—, a pedagoga explica que o contexto social facilita unha lectura mecánica sobre a comprensiva: “Estamos nun momento de desaxuste. A lectura agora mesmo pode suplirse de moitas maneiras con diversos formatos e soportes, como a IA, os audios ou os vídeos. Teriamos que centrarnos máis en non darlle tanta importancia á mecánica lectora e facer da lectoescritura unha necesidade máis alá da nota dunha materia”.

O papel da pandemia e o acceso ao móbil

Os últimos anos xurdiron debates en torno ao impacto da pandemia e do incremento no uso de móbiles durante a mocidade no rendemento académico. En canto ao primeiro punto, Montserrat Castro sinala que o seu efecto estivo comprimido no tempo: “Foi unha circunstancia moi excepcional que puido contribuír á caída no rendemento, pero houbo colexio antes e despois; a pandemia existiu durante un período limitado do que xa pasaron seis anos. Non o considero un factor determinante”. Sinala que o principal problema foi a equidade, xa que non todo o alumnado viviu o ensino dende casa do mesmo xeito. “Houbo diferenzas moi grandes en función do colexio e da familia de cada estudante“, asegura a pedagoga.

En canto ao uso do móbil, a docente da Universidade da Coruña indica que malia existir unha tendencia á demonización das novas tecnoloxías, trátase dun recurso máis. Así e todo, advirte que, como con calquera ferramenta, é necesario adaptar o seu papel no desenvolvemento da xornada escolar: “Introducir unha nova tecnoloxía conleva unha transformación na maneira de dar clase. Os móbiles entraron nas mans de nenos, nenas e mesmo adultos sen control. Dende as familias e os colexios é difícil competir coas propostas que ofrecen as redes sociais, que poden atraer máis á mocidade”.

A eficacia do informe PISA

Máis alá dunha recompilación estandarizada de resultados académicos, o informe PISA presenta carencias estruturais, xa que non presenta unha visión global do contexto educativo de cada lugar analizado. A docente da UDC propón unha reflexión sobre a súa eficacia: “Como é posible que unha proba que se desenvolve a nivel internacional, con culturas e linguas diferentes, nos poida posicionar nun ránking sen ter en conta as características do noso sistema educativo?”. Desta maneira, lembra a importancia de contextualizar as conclusións do documento na realidade académica de cada rexión.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Letras Galegas 2026: Begoña Caamaño

Artigo sobre Xan Viaño

II CONCURSO DE POSTAL DE NADAL MUSICAL. ORGANIZA A BIBLIOTECA JOSÉ FONTENLA LEAL DO CMUS XAN VIAÑO