A plataforma con selo galego que avalía a escritura en nenos con necesidades educativas específicas

 

Unha das nenas participantes no proxecto debuxa trazos co bolígrafo sensorizado

O desenvolvemento cognitivo abrangue diferentes ámbitos, dende a fala ata a escritura. Isto reflicte a plataforma SPRF (Sensorized Pen with Real-time Feedback, polas súas siglas en inglés), ideada polo investigador da Universidade Politécnica Salesiana de Ecuador, Luis Serpa, como parte da súa tese doutoral, dirixida polos investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTicYolanda Blanco Fernández e Martín López Nores, e na que tamén colaboraron outros membros do centro que achegaron o seu coñecemento e experiencia.

“En Ecuador hai distintos centros especializados en nenos con necesidades educativas específicas (SEN, polas súas siglas en inglés)”, comenta a investigadora Yolanda Blanco, “cos que tivemos a oportunidade de colaborar neste traballo, como o Instituto de Parálise Cerebral do Azuay (IPCA), a Fundación HOPE e o Centro de Estimulación Integral e Apoio Psicoterapéutico (CEIAP)”. Algúns dos nenos que reciben terapia nestes centros educativos presentan incluso algún grao de discapacidade e carecen de ferramentas tecnolóxicas avanzadas que axuden os terapeutas no seu traballo diario. “Desta situación nace a necesidade”, asegura a investigadora. O problema, detectado nos centros, foi trasladado á universidade ecuatoriana, e Luis Serpa decidiu afondar nesta cuestión no marco da súa tese doutoral, impulsando así o desenvolvemento de SPRF.

Unha resposta ás terapias tradicionais

“O desenvolvemento grafomotor impacta en moitas dimensións”, explica Yolanda Blanco. Esta é a motivación dos investigadores para crear a plataforma SPRF, que vai máis aló de mellorar a caligrafía dos nenos. O obxectivo é afondar na súa capacidade de razoamento e asociación de ideas, reforzando o seu desenvolvemento cognitivo.

A plataforma SPRF parte das terapias tradicionais para tratar os trastornos grafomotores, pero introduce un enfoque innovador. Os terapeutas adoitan realizar as súas diagnoses mediante a observación, un método que presenta un alto grao de subxectividade que depende do profesional. Aquí é onde intervén SPRF, que busca transformar este proceso mediante a medición obxectiva de parámetros a través dun bolígrafo sensorizado. “O noso sistema traduce as variables subxectivas en datos cuantificables, permitindo unha diagnose máis precisa”, explica a investigadora de atlanTTic.

Ademais da avaliación obxectiva, a plataforma achega unha novidade clave: a xeración de pautas e actividades adaptadas a cada neno en función dos trastornos detectados. Os resultados obtidos demostran que os cativos melloran de forma notoria cando empregan SPRF fronte ás metodoloxías tradicionais, confirmando a súa efectividade como ferramenta para o desenvolvemento grafomotor.

Bolígrafo sensorizado: a ferramenta principal

A plataforma conta con dúas ferramentas clave: un bolígrafo sensorizado e unha pulseira. Aínda que os terapeutas tradicionalmente traballan con papel e lapis, tamén existen dispositivos no mercado que incorporan tecnoloxía para medir determinados parámetros a través de sensores, como xiroscopios e outros sistemas de sensografía. Con todo, estes dispositivos limítanse a almacenar datos, deixando os terapeutas a tarefa de procesalos sen ferramentas específicas para a súa análise nin para establecer pautas de tratamento. “Esta é a innovación que achegamos”, destaca Yolanda Blanco.

Un dos principais obxectivos de SPRF é unificar os criterios dos terapeutas a través da obxectividade. “O terapeuta mira o que fai o neno e detecta, por exemplo, que a súa coordinación óculo-manual non é a correcta, pero non pode cuantificar ata que punto”, explica a investigadora de atlanTTic. Neste contexto, os sensores do bolígrafo desempeñan un papel funamental: permiten analizar como o neno o sostén o bolígrafo, a forza exercida ó escribir, ou mesmo a inclinación do seu pulso en relación co brazo, proporcionando unha avaliación precisa do seu rendemento grafomotor.

Dispositivos empregados durante o proxecto.

Para facilitar a corrección dos terapeutas en tempo real, o bolígrafo incorpora un sistema de cores intuitivo para detectar deficiencias grafomotoras: vermello indica un trazo incorrecto, amarelo sinala unha desviación e verde confirma que a execución é correcta. “Con este código os terapeutas poden dar correccións en tempo real, demostrando que a avaliación mellora”, asegura Yolanda Blanco.

Ademais, a plataforma introduce unha novidade esencial: unha pulseira que mide o nivel de estrés dos nenos. “Moitos nenos con necesidades educativas específicas póñense nerviosos ao enfrontarse a actividades para tratar os seus desordes grafomotores”, explica a investigadora. Se o neno está estresado, os resultados poden estar distorsionados, xerando medidas que, nese escenario, non debería ser consideradas”, argumenta

Un proceso alimentado por actividades

As actividades de SPRF teñen dúas funcións: diagnosticar e tratar os trastornos grafomotores. As probas diagnósticas consisten en facer trazos de distinta natureza, como liñas horizontais e verticais, zigzags, letras ou números. “Debuxar a letra H é un gran reto para un neno con problemas grafomotores”, destaca Yolanda Blanco. A razón é que o trazo horizontal debe situarse no medio dos verticais, e estes teñen que ser paralelos. “Se te paras a pensalo, combínanse moitos elementos para facelo ben”, engade.

Unha vez realizadas as probas iniciais e analizados os parámetros rexistrados polo bolígrafo sensorizado, establécese un plan de intervención personalizado para cada cativo segundo o trastorno detectado. “Estes plans son xerados combinando técnicas de machine learning e a experiencia gañada polos terapeutas que participan no estudo”, explica a investigador, “pois son eles quen determinan que tipo de actividades son eficaces para tratar cada dificultade, ademais de poder axustar a duración e número de repeticións de cada unha delas”.

Este tratamento inclúe xogos nos que o neno debe controlar a presión ao escribir. Un exemplo consiste en transportar un obxecto dentro do xogo, axustando a forza exercida sobre o bolígrafo: non se aplica a mesma presión para mover un ovo que un ladrillo. “Isto fai que aprendan a medir o nivel de forza ao escribir”, explica.

Mais a clave do éxito radica no seu enfoque lúdico. “Os terapeutas trasladan a boa acollida das actividades pola súa dimensión de lecer”, afirma a investigadora. Isto é relevante, pois os nenos con necesidades educativas especiais adoitan rexeitar as actividades que os sacan da súa rutina.

Os resultados cara a un plan de futuro

“Os datos que obtivemos despois do plan de actuación melloran respecto aos iniciais”, explica Yolanda. Entre os principais parámetros destacan a mellora notable na forma en que sosteñen o bolígrafo e na inclinación ao escribir. Ademais, todos os nenos do grupo experimental amosaron o máximo nivel de relaxación (1, na escala utilizada), o que reflicte unha redución de estrés durante a realización das actividades propostas. Outro dos achados foi que os nenos que recibiron retroalimentación en tempo real experimentaron unha mellora superior aos que executaron o seu plan de actuación sen contar coas correccións instantáneas que posibilita SPRF.

Pero non todo foron cifras, senón que os investigadores tamén levaron a cabo cuestionarios cos terapeutas do estudo. Entre os aspectos máis valorados destaca o baixo custo da plataforma SPRF respecto a outras ferramentas. “Trátase dun dispositivo desenvolvido nun laboratorio con sensores moi baratos”, comenta Blanco Fernández, salientando a súa accesibilidade. Ademais, optimiza os recursos humanos dos centros, xa que permite que terapeutas con menos experiencia acompañen os nenos durante as actividades de seguimento. “Só deben facer correccións básicas cando o código de cores indica que algo vai mal”, aclara a enxeñeira. Deste xeito, os profesionais máis experimentados poden centrarse na fase inicial e na avaliación final do proceso.

Con vistas ao futuro, o equipo de SPRF ten como obxecto realizar novas medicións para validar os resultados obtidos. “Se se confirma a tendencia positiva, a idea é movelo a nivel nacional”, explica, pois aínda non teñen contactos en España. Con todo, Luis Serpa, investigador principal do proxecto, defenderá a súa tese doutoral nas próximas semanas, consolidando un traballo que demostrou unha grande utilidade nos centros de Ecuador onde foi probado ata agora.

Ligazón para ver esta nova: https://www.gciencia.com/tecno/o-proxecto-con-selo-galego-que-avalia-a-escritura-en-nenos-con-necesidades-especificas/


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Sociedade Filarmónica Ferrolana. Avance dos primeiros concertos desta temporada 2024/2025

Artigo sobre Xan Viaño

I CONCURSO POSTAL DE NADAL MUSICAL