Onde están as mulleres? Só sete homenaxes en 62 anos de Letras Galegas

Rosalía de Castro, Francisca Herrera, María Mariño, María Victoria Moreno, Xela Arias, Luísa Villalta e as cantareiras son a única pegada feminina

De esquerda a dereita: Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido, María Mariño, María Victoria Moreno, Xela Arias, Luísa Villalta, Adolfina e Rosa Casás Rama, as Pandeireteiras de Mens e Eva Castiñeira.

Día das Letras Galegas é a data máis insigne da nosa literatura. Con ela homenaxéanse a todas aquelas plumas que contribuíron a normalizar o galego na escrita, pero tamén a conservalo a través dos séculos na oralidade. Que loitaron contra prexuízos e estigmas, e converteron o idioma no mellor vehículo para expresar as súas emocións, os seus sentimentos, e tamén para denunciar as inxustizas. Non obstante, nos máis de 60 anos de historia das Letras Galegas, tan só o 11% estiveron protagonizadas por mulleres. Unha presenza feminina incuestionablemente escasa… pero indispensable.

Repasamos as sete candidaturas femininas das nosas letras:

Rosalía de Castro, 1963

Rosalía de Castro é o buque insignia das nosas letras. Nacida en 1837 no desaparecido concello de Conxo e filla de solteira dunha fidalga, marcou un antes e un despois na literatura galega ao publicar en 1863 o poemario Cantares gallegos, toda unha revolución e un fito que consolidou a nosa lingua na escrita tras séculos de represión e letargo. O seu libro está indubidablemente conectado coas homenaxeadas neste 2025. O poemario rosaliano bebeu da tradición oral que personifican as seis cantareiras recoñecidas, así como todas as figuras anónimas que representan.

No que respecta ao carácter máis biográfico, pasou a súa infancia entre Ortoño e Padrón ata mudarse a Santiago en 1850 coa súa nai. Alí fórmase en música e literatura e comeza a relacionarse cos círculos intelectuais da época. En 1856 marcha a Madrid e dous anos despois casa con Manuel Murguía. En 1959 regresan a Galicia. Na década dos sesenta publica Cantares gallegos e a súa obra no noso idioma culminará con Follas novas (1880). Falece en 1885 a causa dun cancro, despois dunha vida marcada polas dificultades económicas e os problemas de saúde. Está enterrada no Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval.

Francisca Herrera Garrido, 1987

Francisca Herrera Garrido foi a segunda muller homenaxeada na historia das Letras Galegas, máis de dúas décadas despois do recoñecemento brindado a Rosalía de Castro. A poeta de Padrón foi unha grande inspiración para Herrera, primeira muller membro de número da Real Academia Galega (RAG), máis a vida de ambas foi ben distinta. Nada en 1869 na Coruña no seo dunha familia burguesa, Francisca tivo unha infancia cómoda e feliz. Foi unha muller profundamente relixiosa, tradicional e conservadora que comezou a súa produción literaria de xeito tardío. Publica o seu primeiro libro, Sorrisas e bágoas (1913), con máis de 40 anos. A obra estaba inspirada no ambiente rural de Oleiros, onde pasaba os veráns.

Viviu uns anos en Madrid cunha irmá, mais regresaron a Galicia co estoupido da Guerra Civil. Na gran cidade deixaron todos os seus bens persoais e o seu capital, pero cando volveron xa non quedaba nada. A comodidade de Herrera desapareceu e tivo que cambiar radicalmente de vida. Faleceu en 1950, xusto antes de dar o seu discurso de ingreso na RAG. A súa obra está espallada en diversas publicacións periódicas e cultivou tanto a poesía como a narrativa. Relacionouse cos intelectuais galegos do momento, incluso durante a súa estadía en Madrid.

María Mariño, 2007

Houbo que esperar 20 anos para que as Letras Galegas homenaxearan outra muller. O terceiro nome feminino que integra a lista do recoñecemento literario é María Mariño, nada en 1907 en Noia. As primeiras décadas da súa vida estiveron marcadas polas dificultades económicas familiares e pronto comezou a traballar como costureira, aínda que a súa fascinación polos libros tamén foi temperá. Coñeceu ao mestre Roberto Posse Carballido e casou con el en 1939. Por mor do traballo del viviron en Arzúa, Euskadi e finalmente no Courel, onde Mariño pasaría unha gran parte da súa vida.

As montañas foron para ela un refuxio tras unha forte depresión causada pola dó polo falecemento da súa nai e dos seus irmáns varóns. Pouco antes tamén morrera o seu fillo ao pouco de nacer. O Courel, por recomendación médica, foi un bálsamo para a súa dor emocional e alí foi onte iniciou unha profunda amizade co brillante Uxío Novoneyra e a súa familia. Entre 1958 e 1963 Mariño escribiu Palabra no tempo. A outra obra que marcou a súa carreira foi Verba que comeza, que empezou a escribir cando enfermou de leucemia. Faleceu a causa do cancro en 1967.

María Victoria Moreno, 2018

María Victoria Moreno escribiu na nosa lingua, viviu máis de 40 anos en Pontevedra e sentíase galega. Non obstante, naceu en Cáceres en 1939 e os seus pais eran de Málaga e Toledo. O temperán falecemento do seu proxenitor provocou que a súa familia tivera problemas económicos. Nos cincuenta estudou o bacharelato en Barcelona e a finais da década comezou Filosofía e Letras, onde coñeceu o seu home. El, natural de Pontevedra, conseguiu un traballo na ONCE e ambos se trasladaron á Boa Vila en 1963.

A súa paixón pola lingua galega estivo moi vinculada á súa estreita relación con Xesús Alonso Montero. Tal foi a súa defensa do idioma que, sendo profesora, impartía clases sobre a literatura propia durante a ditadura para que o seu alumnado puidese practicar a escrita en galego. Moreno foi unha pioneira da literatura xuvenil na nosa lingua e tamén unha grande activista, dado que abriu unha librería onde se vendían libros prohibidos por Franco, como os de Castelao e Miguel Hernández. En 1988 publica Anagnórise, considerado o mellor libro de literatura xuvenil en galego e xa consolidado como un clásico. Diagnostícanlle un cancro en 1997 e a raíz da experiencia escribe Diario da luz e da sombra. Falece a causa da enfermidade en 2005.

Xela Arias, 2021

“A poesía convérteseme nunha táboa de salvación no naufraxio das razóns estritas”. Así expuxo claramente a súa concepción de literatura depurada e independente Xela Arias, a quinta muller homenaxeada nas Letras Galegas. Nada en 1962 en Sarria, foi escritora, tradutora, editora e docente. Unha actividade profesional sempre vinculada á palabra. Con tan só sete anos a súa familia trasládase a Vigo, onde xa gana premios literarios sendo ben cativa. Decide non presentarse aos exames de COU e vive a vida urbana viguesa lonxe das aulas universitarias. Será en 1982 cando comece a publicar os seus poemas.

Despois de deixar os estudos comeza a traballar en Edicións Xerais. Entre 1990 e 1996 é correctora de estilo e tamén comeza a traducir obras de James Joyce, Angela Carter ou Carlos Oroza. Unha das obras máis insignes de Arias será Tigres coma cabalos composta por fotos en branco e negro e poemas. Participa en certames, recitais e incluso escribe letras para grupos musicais ao longo dos oitenta. Tras unha década en Xerais decide retomar os estudos e comeza Filoloxía Hispánica en 1991. En 1994 ten o seu fillo, a quen lle escribe Darío a diario, unha obra sobre a experiencia da maternidade.

Amais da tradución e da publicación de libros, engade a isto a docencia: a súa última profesión. En 2003 publica Intempériome e falece tan só uns meses despois de forma inesperada.

Luísa Villalta, 2024

Luísa Villalta toma o relevo ás cinco mulleres anteriores e convértese na sexa homenaxeada nas Letras, xusto o ano en que se fan dúas décadas do seu falecemento con tan só 46 anos. Nada na Coruña en 1957 foi unha ávida lectora dende ben cativa e estivo vinculada á música dende que era unha nena, sendo a súa ocupación principal nos seus anos de mocidade. En 1982 licénciase en Filoloxía Hispánica e en Galego-Portugués pola Universidade de Santiago e nos anos seguintes combina a súa paixón pola música coa escrita. En 1991 convértese en profesora de lingua en Sada, despois duns anos de itinerarios por diversos centros.

Tivo unha vida curta pero prolífica. Entre 1989 e 2004 publica 15 títulos e numerosos artigos. Cultiva poesía, novela e teatro. “Luísa Villalta é unha escritora multixenérica que abraza a poesía, a literatura dramática, a narrativa, o ensaio, o xornalismo de opinión e mesmo cadernos de aforismos e de carácter memorialístico”, di dela a académica Ana Romaní. Nos noventa publica obras tan sobresaíntes como Ruído Rota ao interior do ollo. Tamén desenvolveu un intenso activismo, participando nas manifestacións contra o desastre do Prestige. A meninxite fulminante que remata coa súa vida apaga a Luísa Villalta de forma inesperada en marxo de 2004.

Cantareiras, 2025

Neste 2025, cando se conmemora o traballo inxente de conservación da tradición oral galega, cúmprense varios fitos. É a primeira vez na historia das Letras que hai dúas homenaxes sucesivas a mulleres. E é tamén unha fazaña a candidatura colectiva, igual que aconteceu co recoñecemento aos trobadores. Así é que Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira e as Pandeireteiras de Mens son os rostros visibles de moitas outras mulleres anónimas que con pandeireta en man e cantos tradicionais axudaron á preservación do galego e da súa rica cultura oral.

Adolfina (1912-2009) e Rosa Casás Rama (1914-2005) eran tía e sobriña e foron cantadoras e pandeireteiras nadas en Cerceda. Procedentes dunha familia moi pobre e separadas durante anos por mor da emigración, volveron cantas xuntas nos oitenta nas celebracións familiares. A musicóloga Dorothé Schubarth recolleu a orixinalidade e improvisación das súas coplas.

  • As Pandeireteiras de Mens na praza da Quintana con Manuel Cajaraville Pensado. Foto: Fondo da Agrupación Folclórica Aturuxo. Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego
  • Eva Castiñeira retratada por Pablo Quintana, coordinador do disco Recolleita, onde rexistrou a voz da cantareira de Muxía. Foto: Cortesía de Pablo Quintana
  • Adolfina e Rosa Casás na Vila da Igrexa (Cerceda) retratadas por Dorothé Schubarth. Foto: Fondo Schubarth-Santamarina. Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego

Eva Castiñeira (1925-2005), de Muxía, xa cantaba nas romarías con tan só oito anos. Trasladouse á Coruña, onde traballou no servizo doméstico de distintos fogares. Nun deles vivía o socio dunha discográfica, que descubriu o talento da cantareira cando xa tiña 55 anos. Cantou con Milladoiro e Leilía dedicoulle unha canción.

Manuela Lema (1913-1993), Teresa García Prieto, (1914-1979) e Prudencia (1905-1993) e Asunción Garrido Ameixenda (1915-2007) foron as Pandeireteiras de Mens, tamén chamadas comunmente como Vellas de Mens. Todas elas eran labregas de Malpica e cando algunha xa superaba os oitenta anos viaxaron por América e Europa cos seus cantes e pandeiretas. Tamén é preciso mencionar a Adela Rey Torrado (1920-2016) e a Teresa Lema Varela (1924-2019) que formaron parte do grupo, pero como faleceron hai menos de 10 anos non se poden homenaxear formalmente no Día das Letras Galegas.

Fonte: https://www.gciencia.com/perspectivas/onde-estan-as-mulleres-so-sete-homenaxes-en-62-anos-de-letras-galegas/


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Artigo sobre Xan Viaño

Letras Galegas 2026: Begoña Caamaño

Manifesto IFLA_UNESCO sobre a Biblioteca Escolar 2025