Un modelo en 3D cartografa os recunchos máis descoñecidos da Cova do Rei Cintolo
O mapa dixital percorre 9.204 metros da cavidade subterránea máis grande de Galicia e o obxectivo é chegar aos 11.000
A Cova do Rei Cintolo é unha mestura indiscutible de mitoloxía e ciencia. Descuberta en 1873, hai poucos estudos sobre a cavidade subterránea máis grande de Galicia. Agora, un equipo de espeleólogos coordinado por Marcos Vaqueiro está a traballar nun modelo en 3D que se adentra nos recunchos máis descoñecidos da cova. Xa conseguiron estudar 9.204 metros e o obxectivo é chegar aos 11.000. “Cando comezamos en 2018, a cartografía da cova de 1979 incluía unas 5.190 metros, aínda que pensaban que acadaba os 6.500. A aposta do 2025 é dobrar a medición obtida no século pasado”, indica.
O último modelo dixital público, datado de decembro de 2024, inclúe preto de 14.000 estacións topográficas. Os investigadores que forman parte do proxecto Rei Cintolo: Obxectivo 11.000 m, que busca a maior cartografía da cova, xa pechou os grandes percorridos da cavidade que enlazan os puntos máis extremos. A iniciativa, que naceu en 2017 do Clube de Espeleoloxía A Trapa (CETRA) en Mondoñedo, a través dun encontro de espeleólogos de varias asociacións, comezou a andar en 2018. “Hai moita xente implicada, iniciamos un traballo máis sistemático, orientado á reexplotación, ao modelado dixital, á cartografía morfolóxica e ao estudo da cova…”, apunta Vaqueiro. En seis anos de proxecto xa organizaron 51 expedicións.
Comentarios
Publicar un comentario