ASESORÍA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES: LEMA CURSO 2021-22

Fonte: Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia  

"A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2021/2022. O lema elixido, A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA, quere poñer o foco na palabra e a oralidade. 

 A imaxe que interpreta este lema proposto para o curso 2021-2022 é obra do ilustrador, escritor, deseñador e artista visual Pablo Otero, que leva xa un tempo colaborando coas bibliotecas escolares en formacións e obradoiros. 

Os textos escritos e as producións audiovisuais que ofrece a biblioteca en obras de ficción ou de información axudan o alumnado a medrar donos da linguaxe, a ferramenta que lles abre camiños de pensamento, imaxinación, beleza e coñecemento. Mais tamén, as  bibliotecas escolares son espazos sociais de encontro que promoven e facilitan o uso da palabra a través do diálogo, a reflexión, o debate, a exposición, os recitais, a lectura en voz alta, os clubs de lectura… Estas propostas son oportunidade para que o alumnado "tome a palabra" e avance no dominio da linguaxe e da lingua que lle é propia. 
 
 Máis aínda, como instrumentos a favor da equidade, as bibliotecas dos centros educativos deben procurar o acceso igualitario ao coñecemento e uso do léxico que garante unha mellor comprensión lectora, toda vez que os expertos nos falan da diferencia abafante entre o número de palabras que contén o léxico do alumnado de infantil en función dos contextos familiares, diferencia que marca xa as posibilidades de éxito fronte á lectura. 
 
 Na súa constante e natural evolución, as bibliotecas escolares acolleron a nova oralidade secundaria, que promove a comunicación a través dos medios. Programas como Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Biblioteca Inclusiva, abriron as portas a unha oralidade máis formal en forma de podcasts, audiolibros, espazos de coloquio e expresión, facilitando recursos e oportunidades para a adquisición de habilidades e competencias comunicativas de amplo espectro, pois en tempos de comunicación dixital fanse imprescindibles estas competencias básicas: unha expresión oral rica e coidada e unha interpretación o máis axustada posible dos textos orais dispoñibles. 
 
 A Biblioteca Escolar ten a palabra é tamén unha proposta para a recuperación da tradición oral como unha forma de achegar o alumnado ás raíces da cultura na que medra, facilitándolle así as claves para acceder ao rico patrimonio inmaterial galego que ten dereito a coñecer, gozar e darlle continuidade."

Comentarios

Publicacións populares deste blog

XEOGRAFÍAS SONORAS: FIN DA NOSA VIAXE.

RETO: A CASA DE JOSÉ FONTENLA LEAL