A viaxe de Alemaña ao Miño dunha ave en perigo de extinción

 Un ibis pelado, unha das especies máis ameazadas do mundo, chega ao esteiro do Miño procedente dun zoo de Halle tras pasar por Barbate e Faro



Plumaxe negra con reflexos metálicos verdes e púrpuras, pico longo e curvo e unhas extensas plumas colgantes sobre a caluga. Estas son as características que identifican o ibis pelado (Geronticus eremita), unha das aves máis ameazadas do mundo que estes días visita o esteiro do Miño para asombro e pracer de ornitólogos galegos. 

O primeiro avistamento no concello da comarca do Baixo Miño comunicábao a Asociación Anabam. Foi unha veciña, Ángela Baz, quen fotografou esta ave sobre o tellado dunha casa na zona de Pías, dentro da parroquia de San Miguel de Tabagón, o pasado sábado 7 de decembro. “Trátase dunha das aves máis ameazadas de España e do mundo, que dende hai uns cinco séculos e ata hai ben pouco non se reproducía de xeito natural na península ibérica”, explican no seu perfil de Facebook.  

“Ver para crer, un ibis pelado no esteiro do Miño”, expresaba Manuel Sobrino, responsable do proxecto ornitolóxico El Naturalista Cojo, na súa publicación sobre este exemplar. Durante estes días de seguimento e investigación, Sobrino conseguiu realizar unha serie de imaxes e vídeos para inmortalizar a visita desta estraña ave ao Rosal. “Leva catro días pola zona, pero sendo un individuo novo cremos que seguramente se moverá cando note a chamada da reprodución”, resalta.  

Dende Alemaña a O Rosal  

O ibis pelado foi catalogado nos anos noventa como unha especie “en perigo crítico” de extinción. O seu status evolucionou un chanzo en positivo durante este século. Malia isto, tan só se conservan 700 exemplares totalmente salvaxes no norte de Marrocos.

Para loitar contra a desaparición desta especie, existen diferentes programas de conservación en Europa, entre eles o Proxecto Eremita, na comarca da Janda, en Cádiz. “Foi grazas á argola de identificación que leva nunha das patas que puidemos reconstruír a historia de ‘El Cañailla’, como o denominan nun dos seus fogares, o Centro de Conservación de Zoobotánico Jerez, un dos organismos que se encarga da repoboación desta ave en Andalucía”, indica Sobrino.  



Desta arandela pódese saber que o exemplar naceu en maio de 2023 no Zoo de Halle (Alemaña) e, posteriormente, foi liberado en San Ambrosio (Barbate, Cádiz) en marzo de 2024, dentro do programa de conservación andaluz. Após de varios meses na cidade gaditana de San Fernando, a ave pasou a finais de outubro por Faro (Portugal) para despois pousarse uns días, polo de agora, no esteiro do Miño, no Rosal.  

Dispersión xuvevil

“É o que se coñece como dispersión xuvenil. Durante os primeiros anos de vida estas aves voan de xeito errático ata atopar ou volver á súa colonia. Ao ser a de Cádiz das poucas que contan cunha poboación que medra cada ano, actualmente conta cuns 300 exemplares en liberdade, seguramente volva alí”, relata Sobrino.  

O feito de que fose criado nun zoo e contase cun estreito contacto co ser humano tamén ten os seus perigos. Segundo resalta o ornitólogo, este exemplar mostra un confiado comportamento durante a súa estancia no Baixo Miño, subíndose aos tellados das casas, pousándose en xardíns privados ou na beirarrúa da estrada PO-552. “Este último é un lugar moi perigoso para a súa integridade, xa que temos constancia de que case o atropelan. Por iso agradeceriamos á xente que tente escorrentalo de alí con coidado para que voe a unha zona onde poida estar máis tranquilo”, conclúe Sobrino.  

Fonte: https://www.gciencia.com/medioambiental/alemana-mino-ave-perigo-extincion-ibis-pelado-galicia/




Comentarios

Publicacións populares deste blog

Sociedade Filarmónica Ferrolana. Avance dos primeiros concertos desta temporada 2024/2025

Artigo sobre Xan Viaño

I CONCURSO POSTAL DE NADAL MUSICAL