Cinco libros para agasallar ciencia

 Unha listaxe con opcións para adultos e nenos que mostra o mundo científico e a súa historia en lingua galega


A literatura e a ciencia, dúas ferramentas fundamentais para coñecer e comprender o mundo, entrelázanse nos libros de divulgación científica. Este Nadal é un bo momento para impulsar a ciencia pero tamén a nosa lingua. Para que o galego continúe sendo unha lingua vizosa e siga configurando o pensamento da cidadanía, a divulgación científica é fundamental tanto entre o público adulto como o máis novo. Aquí achégase unha listaxe con libros cos que reflexionar sobre a importancia da ciencia para superar as crises, comprender o presente e tomar decisións para o futuro. A lectura é unha forma de evasión e de enriquecemento e non só para os adultos, senón que a través da literatura tamén se pode introducir os nenos no coñecemento científico.

Consciencia. A ciencia que nos salvou da pandemia, Sonia Villapol




Un libro para reflexionar sobre a covid e sobre as aprendizaxes científicas e sociais que nos deixou a pandemia. Nas súas máis de 200 páxinas fala de saúde mental, microbiota, vacinas e, sobre todo, a covid persistente, unha das principais liñas de investigación do laboratorio no Hospital Methodist de Texas, onde traballa Sonia Villapol, a autora. Es libro permite recordar que ciencia nos salvou da crise sanitaria: “A pandemia arrasou as vidas e as economías, deixounos unha sociedade máis vulnerable e, como herdanza, a covid persistente. A ciencia foi a táboa de salvación á que nos agarramos en momentos de incerteza e angustia; protexeunos, achegounos ao benestar e, en definitiva, foi quen nos rescatou da pandemia”, afirma Villapol.

Fixo unha xira por toda Galicia para presentar o seu libro (Xerais, 2023), que serve “para que non se esqueza o aprendido”. “A memoria é feble”, afirma a doutora, pero non se debe esquecer como a ciencia nos salvou da pandemia. En Gciencia podes ler a entrevista completa a Sonia Villapol con motivo da presentación do seu libro.

Millennials. Unha xeración entre dúas crises, Raquel C. Pico


Un libro con tintes de socioloxía e psicoloxía que retrata unha xeración atrapada entre dúas crises. Raquel C. Pico narra nesta obra a experiencia dunha xeración preparada para o éxito e que, por circunstancias alleas, están vivindo unha situación dramática que apenas entenden. A obra da colección Hoxeéhoxe da editorial Galaxia fai un repaso da historia recente do noso país, dende a crise de 2008 até a covid, e como unha xeración se queimou “pola precariedade laboral, o inaccesible mercado da vivenda, por ter que pospoñer unha e outra vez os grandes fitos da vida adulta”, reflexiona a autora do libro.

Os límites do crecemento. Informe para o proxecto do club de Roma sobre os retos da humanidade, ensaio colectivo

Hai 50 anos o Club de Roma publicaba The limits to Growth, (‘Os límites do crecemento‘, en galego), coñecido como informe Meadows. Neste ensaio traducido ao galego por Juan J. Casares e José A. González (Galaxia, 2022), Donella H. MeadowsDennis L. MeadowsJorgen Randers e William W. Behrens III analizan 200 anos de historia económica da humanidade para demostrar que as bases do progreso humano non eran infinitas.

Nun contexto de incerteza o informe alerta sobre a necesidade de “reconducir a situación, demandando actuacións con urxencia”. Malia esa advertencia do ano 1972, a situación do planeta sigue sendo de emerxencia. Como calquera clásico, segue sendo unha referencia válida para reflexionar sobre o momento actual, xa que as ferramentas empregadas no seu momento seguen sendo útiles hoxe, un momento no que se comeza a falar da necesidade de decrecer.

Estrelas galegas da ciencia, obra colectiva


Este libro ilustrado e de ton divulgativo escrito por Maite VenceManuel Vicente e Andrea Burés e con ilustracións de Clara Cerviño, é un paseo pola ciencia feita en Galicia. Aínda que polo seu formato está dirixido a un público en idade escolar, é recomendable para todas aquelas persoas que queiran coñecer un pouco mellor o noso pasado científico.

A publicación de Hércules de Ediciones preséntanos a un grupo de investigadores imprescindibles entre os que se atopan o matemático José Rodríguez, que participou na medida do metro; Isabel Zendal, a muller que fixo posible a expedición da varíola en 1803Ramón María Aller, o pioneiro da astronomía en Galicia; e Ángeles Alvariño, unha oceonógrafa de recoñecido prestixio internacional; entre outros.


Como funciona?, Peter Hinckley



Un libro ilustrado por Olga Zakharova dirixido fundamentalmente a un público infantil no que se mostra “a extraordinaria natureza das cousas máis ordinarias”. Ao longo das páxinas desta obra, publicada pola editorial Aira, o público lector poderá coñecer o mecanismo e o funcionamento de diferentes obxectos, como un salón de birlos, unha impresora ou unha neveira. Peter Hinckley tamén nos explica nesta obra o funcionamento de estruturas naturais, como un avespoeiro ou un xeado.





Comentarios

Publicacións populares deste blog

Sociedade Filarmónica Ferrolana. Avance dos primeiros concertos desta temporada 2024/2025

Artigo sobre Xan Viaño

I CONCURSO POSTAL DE NADAL MUSICAL