Galicia supera as 200 árbores senlleiras coa incorporación de oito novos elementos
Un exemplar de cerquiño en Santigoso e unha araucaria no pazo de Lourizán son algúns dos novos monumentos vexetais galegos
Oito monumentos vexetais comezan a formar parte do Catálogo galego de árbores senlleiras. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución pola que se incorporan estes novos elementos localizados en A Mezquita, Pontevedra, Mondariz e Vilagarcía de Arousa.
As árbores incluídas son un exemplar de cerquiño (Quercus pyrenaica Wild) situado na localidade de Santigoso, no concello da Mezquita (Ourense); unha araucaria (Araucaria angustifolia) localizada no pazo de Lourizán (Pontevedra); un alcanforeiro (Cinnamomum camphora) no castelo de Sobroso de Mondariz; e outras cinco formacións, todas elas no pazo de Rubiáns, no concello de Vilargacía de Arousa.
En concreto, nesta localización está presente un conxunto de criptomerias elegantes (Cryptomeria japonica), unha formación de calocedros (Calocedrus decurrens), outra de camelias (Camellia japonica), outra de magnolios (Magnolia grandiflora) e, por último, unha formación de criptomerias xaponesas (Cryptomeria japonica).
Con estas novas incorporacións o catálogo rexistra xa 202 elementos: 155 árbores e 47 formacións de 84 especies diferentes repartidas por toda a xeografía galega. Neste rexistro público inclúense todas aquelas árbores e formacións salientables que merecen dunha conservación e atención específica, de acordo coas súas excepcionais características de porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.
Cerquiño de Santigoso, na Mezquita
Este cerquiño situado na localidade de Santigoso, no concello da Mezquita, chama especialmente a atención pola súa extraordinaria altura de 26 metros e conta cun perímetro de 5,05 metros.
O tronco medra vertical, sen ramificarse ata 6,80 metros de altura, onde se forma a cruz, nacendo nela varias ramas de grandes dimensións que forman unha maxestuosa e ampla copa de ao redor do 30 m de diámetro. Con este xa serían 3 os cerquiños incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras.
Araucaria do Pazo de Lourizán
No parque das Rías do pazo de Lourizán atópase esta araucaria de grandes dimensións (ronda os 35 metros de altura e un perímetro de 3,19 metros). A copa, debido á competencia con outros exemplares, ten unha forma irregular, cunha proxección aproximada de 140 m2 sobre o chan, e estímase que uns 130 anos.
Este exemplar de Araucaria angustifolia ten un grande interese ornamental e estético, dada a peculiar forma do seu tronco coma unha pata de elefante, pero tamén histórico pola vinculación con este lugar, e botánico, posto que foi un dos primeiros exemplares desta especie que chegaron ás nosas latitudes. Este novo exemplar súmase ás sete árbores e unha formación senlleiras xa incluídas no catálogo presentes no xardín deste Pazo.
Cántas árbores senlleiras hai no teu concello? Consúltao neste mapa interactivo: https://www.gciencia.com/medioambiental/mapa-dixital-arbores-formacions-senlleiras-galicia/
Alcanforeiro do castelo de Sobroso
O alcanforeiro do castelo de Sobroso, no lugar de Vilasobroso (Mondariz), ten un tronco de grandes dimensións e aséntase sobre un promontorio basal formado polos cordóns radicais, que se atopan parcialmente descubertos. Comeza a ramificarse a case dous metros de altura, en grandes ramas que se distribúen radialmente ao redor do tronco, formando unha cruz moi ampla que dá lugar a unha copa globosa e de gran volumetría.
Con esta nova inclusión, no ámbito do concello de Mondariz contaríase con dous elementos incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras.
Formacións do pazo de Rubiáns
Os xardíns do pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, datan de finais do século XVII, cando comeza o axardinamento da zona máis próxima ao pazo e da área coñecida como estanque das ras. Posteriormente, lévase a cabo un importante incremento das áreas axardinadas, coa introdución de moitos exemplares arbóreos, entre eles algúns que actualmente forman parte do Catálogo galego de árbores senlleiras.
Fonte: https://www.gciencia.com/medioambiental/galicia-supera-200-arbores-senlleiras-sumar-oito-elementos/
Comentarios
Publicar un comentario