Un equipo da UDC detecta metais de planetas perdidos na atmosfera de ananas brancas

 Científicos do CITIC usan datos da misión Gaia e intelixencia artificial para avanzar no estudo da evolución dos sistemas planetarios
Ilustración dunha anana branca


Un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña logra un importante avance no estudo da evolución dos sistemas planetarios. A través dos datos proporcionados pola misión Gaia e co uso de técnicas de intelixencia artificial identificaron trazas de metais nas atmosferas de ananas brancas, estrelas mortas tras quedar sen hidróxeno que fusionar. Estes metais, que non poden ser primordiais nin xerarse na anana branca a posteriori, atopan nos restos de planetas destruídos os seus hóspedes máis probables de acordo cos modelos e teorías máis actuais.

Este achado revela a presenza de rastros de planetas que unha vez orbitaron estas estrelas e que foron destruídos cando o astro esgotou o seu combustible nuclear. O artigo, publicado recentemente na revista The Astrophysical Journal, foi desenvolto por Xabier Pérez Couto, Lara Pallas Quintela, Minia Manteiga e Carlos Dafonte, do CITIC, xunto a Eva Villaver Sobrino, investigadora do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC).

O descubrimento de metais como calcio, magnesio e sodio nas atmosferas das ananas brancas é significativo, xa que estes elementos non deberían estar presentes debido á intensa gravidade que exerce o núcleo da estrela. A existencia destes metais suxire que foron absorbidos a posteriori de planetas e asteroides que se desintegraron cando a estrela alcanzou a súa fase final.

IA para identificar estrelas
O equipo utilizou un algoritmo de intelixencia artificial denominado “mapas autoorganizados” para procesar e analizar os grandes volumes de datos obtidos pola misión espacial Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA). Grazas a esta técnica, foron capaces de identificar 143 novas candidatas a ananas brancas “metálicas” que ata o de agora non foran catalogadas.

Este traballo marca o inicio dunha nova fase de investigación, xa que o equipo do CITIC ten previsto realizar observacións adicionais utilizando telescopios de maior resolución desde a Terra para confirmar a presenza destes metais, pois calcular as súas abundancias permitirá coñecer con detalle a composición dos planetas que orbitaban estas estrelas.

O estudo abre novas posibilidades para entender como os sistemas planetarios evolucionan e desaparecen, proporcionando unha valiosa xanela ao pasado da Vía Láctea. Ademais, demostra a potencia da intelixencia artificial aplicada á astronomía, ofrecendo unha ferramenta poderosa para procesar grandes volumes de datos e descubrir obxectos astronómicos aínda non catalogados.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Sociedade Filarmónica Ferrolana. Avance dos primeiros concertos desta temporada 2024/2025

Artigo sobre Xan Viaño

I CONCURSO POSTAL DE NADAL MUSICAL