Rosa Cedrón ingresa na Academia de Belas Artes con discurso e concerto no Conservatorio da Coruña

 


A ceremonia celebrarase este sábado a mediodía nun acto no que Juan Pedro Durán será o encargado de dar resposta á intérprete.

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará mañá sábado, 21 de decembro, unha sesión extraordinaria pública para a recepción da nova académica numeraria da sección de Música Rosa Cedrón Fernández. Será no auditorio do Conservatorio Profesional de Música da Coruña ás doce do mediodía nun acto no que a cantante pronunciará un discurso que levará por título “Entre dous mares: Do mundano ao transcendental”. Non só falará, senón que, ademáis, interpretará varias pezas musicais da súa traxectoria.

En nome da Academia que preside Manuel Quintana Martelo daralle a benvida e resposta o tamén académico, músico e compositor Juan Pedro Durán nun encontro ó que está previsto asistan numerosas autoridades, entre elas a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, ademáis de representantes e compañeiros do mundo das artes
Rosa Cedrón Fernández (Monforte de Lemos-Lugo, 1972)  naceu no seo dunha familia con gran tradición musical, aínda que se mudou axiña á Coruña, onde pasou a maior parte da súa infancia. Con tan só oito anos, empezou a interesarse polo mundo da música, inquietude que a levou a ingresar no conservatorio e comezar a formarse dun modo xenérico ata que, aos 10 anos, descubre a súa verdadeira vocación, o violoncello.

«Contan persoas próximas á súa contorna que, desde entón, Rosa e o seu violoncello convertéronse en inseparables a pesar da súa curta idade», suliñan dende a Academia. O seu empeño e dedicación «incondicional» fixeron dela unha excelente alumna que compaxinou os seus estudos co seu ingreso na Orquestra de Cámara Municipal da Coruña e, posteriormente, na Banda Municipal da cidade.

Tras anos de preparación «e un expediente brillante» accedeu a unha praza como profesora no Conservatorio de Ferrol. «Pero un feito relevante cambiaría a súa vida, a invitación para colaborar nun concerto conmemorativo do décimo aniversario de Luar na Lubre, que supuxo un xiro radical á súa carreira», agregan dende a institución. Naquel concerto no Rosalía, tivo a súa primeira toma de contacto co grupo no que inicialmente se lle propuxo formar parte como violonchelista ata que o seu irmán Javier, que entón xa era membro do grupo,lles descubriu a súa grande voz. Rosa Cedrón convertiuse entón na vocalista. « Aflora a súa verdadeira paixón e decide dedicarse en corpo e alma a cantar», apunta a Academia, que destaca o seu esforzo por adquirir ténica  «sen descoidar o sentimento que a caracteriza».

«O seu talento non pasou inadvertido ante os ollos dun dos mellores músicos de todos os tempos, Mike Oldfield, que quedou prendado da súa voz e convidouna a participar na gravación de Tubular Bells e na presentación mundial do disco celebrada en Londres no ano 1998», suliñan desde a institución. 

Despois viría unha xira internacional con Olfield e nove anos actuando con Luar na lubre nunha etapa en que subiron aos mellores escenarios, gravaron varios dscos e recibiron numerosos premios. Participou tamén en proxectos cinematográficos e bandas sonoras ata que no 2005 emprendeu a súa carreira en solitario. No 2007 editou o seu primeiro álbum sola, Entre dous mares, co que acada un importante éxito de vendas e realizou unha xira por España, Europa e Latinoamérica.

Son moitas as colaboracións de Cedrón con outros artistas, como a participación no espectáculo Night of the Proms xunto a Mike Oldfield ou a interpretación do Himno Galego no Gran Teatro da Habana coa Orquestra Nacional de Cuba con motivo da celebración do seu centenario, pero tamén a participación en Cancionista de Antonio Placer ou o traballo con Cristina Pato no seu disco The Galician Connection. Con esta ao piano, no 2010 saíu á luz Soas, que «mostrou a brillante conexión que estas dúas indiscutibles representantes da música galega atoparon entre as súas propias composicións e os clásicos galegos coa música clásica». 

Subliñan os académicos que froito da devandita colaboración, gravan Muller, «álbum que supón un fito sen precedentes na tradición musical galega, con 14 pezas nas que participa o recoñecido compositor galego Octavio Vázquez preparando os arranxos para a Orquestra Sinfónica de Bratislava; este traballo é unha das poucas referencias na música galega na cal a tradición e o clásico se unen, o que supuxo un gran impulso na carreira de ambas intérpretes, chegando a interpretar Negro Caravel na homenaxe que a AlE rendeu a Plácido Domingo pola súa prolífica carreira».

Con músicos como Daniel Minimalia colaborou en Areas de Luna e Ondas do Sur, canción que foi premiada como a mellor de estilo world music nos Hollywood Music In Media Awards do 2015, no 2016  publicou Nada que perder e na actualdade presenta o seu traballo Nómade, «outro xiro de volta a ese estilo tan propio que cultivou desde que iniciou a súa carreira en solitario», conclúe a  Academia sobre a súa nova integrante. 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Sociedade Filarmónica Ferrolana. Avance dos primeiros concertos desta temporada 2024/2025

Artigo sobre Xan Viaño

I CONCURSO POSTAL DE NADAL MUSICAL