Animais, auroras boreais, eclipse de sol… As mellores imaxes científicas de 2024

 A revista 'Nature' publica unha escolma das fotografías máis representativas do ano

Un cemiterio de baleas sacrificadas polos humanos no fondo do océano en Groenlandia. Fotografía gañadora do premio Fotógrafo Submarino do Ano 2024. Imaxe de Alex Dawson.

A revista Nature fixo unha selección de imaxes científicas para destacar aquelas máis representativas ou rechamantes de 2024. As instantáneas recollen desde acontecementos como a eclipse de sol total do 8 de abril deste ano —que se puido ver en gran parte de América do Norte— e outros fenómenos naturais como a chuvia de meteoros das Perseidas, o Etna producindo aneis de vórtice volcánico ou as precipitacións torrenciais en Kenia (África). Tamén recada outras fotografías icónicas como pingüíns precipitándose ao baleiro e a Estación Espacial Internacional durante as auroras na Terra. Estas son algunhas delas:

Primeiro plano dun escaravello vermello


Primeiro plano dun escaravello vermello (Rhynchophorus ferrugineus), unha instantánea que recibiu unha distinción no Concurso de Fotomicrografía do Pequeno Mundo de Nikon, realizada por Sherif Abdallah Ahmed.

Unha cría de pingüín saltando


Unha cría de pingüín emperador (Aptenodytes forsteri) salta ao océano desde o alto dun cantil de 15 metros de altura no bordo da plataforma de xeo Ekström, na Antártida. Unha imaxe de Bertie Gregory para National Geographic.

Gaivota sobre tartaruga


Unha gaivota montada nunha tartaruga no mar Mediterráneo. A imaxe foi finalista no concurso Oceanographer of the Year de Oceanographic e o seu autor é Enric Gener.

Un dos fósiles máis antigos


Exemplar de Prestosuchus chiniquensis, un arcosauromorfo que viviu fai 237 millóns de anos. Ao seu lado, o paleontólogo Rodrigo Temp Muller sostén un dos fósiles máis antigos xamais descubertos, da especie de réptil Gondwanax paraisensis. Fotografía de Diego Vara para Reuters.

Eclipse parcial de sol


Eclipse total de sol en abril. Na imaxe, unha eclipse parcial detrás do Monumento a Washington en Washington DC. Para os científicos, o acontecemento foi unha oportunidade única de observar a coroa do Sol, a súa tenue atmosfera exterior. Fotografía de Chip Somodevilla para Getty.

Auroras boreais na Terra



Estación Espacial Internacional flutúa contra as auroras boreais na Terra. O Sol está a atravesar o pico do seu ciclo de actividade de 11 anos, polo que se viron auroras na Terra en latitudes máis baixas do habitual. Fotografía de Donald Pettit (NASA, Handout) vía Reuters.

Guepardos arrastrados pola corrente


As intensas choivas arrasaron este ano máis do 80 % das terras áridas de Kenia, afectando a máis de 1,5 millóns de persoas. A fauna salvaxe do país tamén sufriu as consecuencias. Nesta instantánea, finalista do Concurso de Fotografía do Mundo Natural BigPicture deste ano, Buddhilini de Soyza captou guepardos (Acinonyx jubatus) do sueste africano arrastrados pola corrente cando tentaban cruzar un río na Reserva Nacional de Masai Mara.

“Aneis de fume” no Etna


En abril, o Etna italiano produciu unha rara exhibición de “aneis de fume”. Estes círculos, chamados aneis de vórtice volcánico, prodúcense cando o gas escapa a través dos cráteres recentemente formados. Imaxe de Fabrizio Villa para Getty.

Fonte: 
https://www.gciencia.com/medioambiental/animais-auroras-boreais-eclips-sol-mellores-imaxes-cientificas-2024/


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Sociedade Filarmónica Ferrolana. Avance dos primeiros concertos desta temporada 2024/2025

Artigo sobre Xan Viaño

I CONCURSO POSTAL DE NADAL MUSICAL