Para os que estén por Santiago de Compostela...

 XX Campaña Municipal de Animación á Lectura 'Ler para Crecer'


A XX Campaña Municipal de Animación á Lectura leva por título este 2026 ‘LER PARA CRECER’ e está baseada no traballo de Arianna Squilloni e Raquel Catalina Ledesma, gañadoras do XVIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, convocado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e a editorial Kalandraka.

A campaña retómase este ano 2026 despois dunha paréntese que tivo a súa orixe na pandemia de coronavirus. Está organizada polo Concello de Santiago en colaboración con Kalandraka e con Afundación e terá lugar do 9 de febreiro ao 12 de marzo no centro Afundación (Rúa do Vilar, 19) con accións como:

  • CONTOS CON MÚSICA PARA ESCOLAS E FAMILIAS 
  • SESIÓNS ESPECIAIS PARA BEBÉS 
  • ENCONTRO COAS AUTORAS 
  • SESIÓN FORMATIVA PARA DOCENTES 
  • VISITAS GUIADAS Á EXPOSICIÓN COS ÁLBUMS DOS PREMIOS COMPOSTELA 
  • CONTACONTOS CON LINGUA DE SIGNOS 
  • OBRADOIROS CON ILUSTRADORAS/ES NAS ESCOLAS INFANTÍS
  • OBRADOIROS DE PLÁSTICA E ESCRITA CREATIVA
  • XVIII PREMIO INTERNACIONAL 'COMPOSTELA' PARA ÁLBUMS ILUSTRADOS 

Esta Campaña naceu no ano 2001 coa idea de achegar a lectura, a ilustración e a escritura ás nenas e nenos, nun marco agradable e motivador que favorecese a escoita, ademais de poñer en valor as creacións plásticas, literarias e musicais, fomentando que o público infantil desenvolva unha conciencia crítica e selectiva das súas lecturas. Tamén presta atención á tradición oral como vehículo de transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego. 

Aínda que a maior parte da programación está dirixida ao ámbito escolar, pretende a normalización, a utilización e promoción da lingua galega entre a cidadanía. As diferentes propostas que se desenvolven nesta campaña impulsan a lectura en galego como un dos elementos básicos na formación integral de calquera persoa en aspectos como a información, a comunicación e o ocio.

Obxectivos

  • Animar a ler de xeito motivador a partir do álbum ilustrado, a oralidade e a música.
  • Crear un clima agradable e motivador que favoreza a escoita e o poder da palabra como pozo evocador.
  • Estimar as producións plásticas, literarias e musicais como ben cultural e como acto de  comunicación.
  • Desenvolver unha conciencia crítica e selectiva en relación coas lecturas.
  • Promover a tradición oral en lingua galega como vehículo do noso Patrimonio cultural inmaterial.
  • Adquirir unha sensibilidade estética, tanto no plano literario como plástico valorando o traballo de ilustración e o deseño dos libros.
  • Fomentar a creatividade e os procesos de creación.

Poboación destinataria

A Campaña municipal contou sempre cunha moi importante acollida e repercusión nas bibliotecas da cidade, nas librerías, entre as nenas e os nenos, nas familias e entre a cidadanía de Compostela; pero sobre todo, na comunidade educativa, especialmente no profesorado, contribuíndo a achegar a lectura á rapazada.

Tamén teñen cabida os e as profesionais do ocio e do tempo libre e o alumnado de ciclos formativos de educación infantil e de Grao.

Trabállase nun triángulo colaborativo entre escola, familia e sociedade -a través de institucións como o Departamento municipal de Educación do Concello de Santiago - que pon á disposición multitude de recursos para facilitar a implementación de estratexias coordinadas.

Accións da Campaña

A actividade estrela é a exposición de ilustracións e instalacións artísticas arredor dos álbums ilustrados gañadores do Premio Internacional ‘Compostela’ que tamén organiza o Departamento municipal de Educación desde hai 18 anos. O álbum gañador deste ano ‘Grande e pequena’ artellará este curso os contidos da exposición, xunto cos últimos premios ‘Compostela’ que non se puideron presentar nestes últimos seis anos.

O edificio que albergará a campaña, a sede Afundación, converterase durante nun pequeno museo onde se expoñan ilustracións e instalacións artísticas con diversidade de estilos e técnicas artísticas relacionadas cos libros protagonistas da Campaña e servirán de escenario facilitador dos seus contidos. Nas súas salas estarán presentes, as palabras, os textos literarios xunto ás imaxes, as ilustracións, envoltos pola música que os acompañará. E alí tamén estarán os libros que se poderán tocar e mesmo ulir. Libros para educar os ollos e para deleitar os oídos. 

Todas as actividades son de balde.

Para maior información: ligazón.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Letras Galegas 2026: Begoña Caamaño

Artigo sobre Xan Viaño

Manifesto IFLA_UNESCO sobre a Biblioteca Escolar 2025